A Policía Autonómica e axentes ambientais esclarecen catro incendios nos concellos de Rianxo, Lalín, Ribeira e Mesía

Os catro lumes foron provocados por non ter en conta as medidas de seguridade esixidas nas queimas de restos agrícolas e forestais

No que vai de ano foron detidas ou investigadas pola Policía Autonómica 26 persoas como presuntas autoras de incendios forestais

Santiago de Compostela, 15 de xuño de 2020

Axentes da Policía Autonómica da Xefatura de Santiago de Compostela, coa colaboración de axentes ambientais da Consellería do Medio Rural esclareceron catro incendios rexistrados nos concellos de Rianxo, Lalín, Ribeira e Mesía.

Os axentes da Policía Autonómica de Santiago de Compostela, en colaboración co persoal do Distrito Forestal IV-Barbanza, tomaron declaración a un varón como presunto autor dun lume forestal que se produciu o pasado 7 de xuño na parroquia de Araño do concello de Rianxo e que afectou 0,24 hectáreas de superficie arborada.

O incendio orixinouse por unha queima de restos agrícolas sen ter en conta as medidas de seguridade esixidas. No seu control e extinción participaron un axente forestal, un equipo do Distrito Forestal IV-Barbanza e unha motobomba de Dodro.

Por outra parte, efectivos a xefatura de Policía Autonómica de Santiago de Compostela, xunto con persoal dos distritos forestais, XVI Deza-Tabeirós, IV Barbanza e III Santiago Meseta Interior, identificaron aos autores de tres incendios forestais rexistrados nos municipios de Lalín, Ribeira e Mesía os días 23 e 31 do pasado mes de maio. Estas actuacións enmárcanse nos controis de queimas de restos agrícolas e forestais que se veñen realizando cada ano.

Os tres lumes foron provocados por queimas de restos agrícolas e forestais nas que non se levaron a cabo as medidas de seguridade correspondentes. Arderon 2.400 metros cadrados de monte raso e 100 de superficie arborada e foi necesaria a participación dos medios de extinción para o seu control e para o refrescado do lugar.

No que levamos de ano, foron detidas ou investigadas pola Policía Autonómica 26 persoas como presuntas autoras de incendios forestais.

Imaxes relacionadas