A Xunta adxudica a redacción do proxecto para a mellora do sistema de abastecemento de auga no Concello de Ares

Este contrato conta cun prazo de seis meses para a finalización dos traballos

O obxectivo é definir as actuacións necesarias para responder ás necesidades do municipio en abastecemento, incrementadas no verán coa actividade turística

Prevese deseñar un depósito de cabeceira e a substitución da tubaxe, desde a derivación da Barca á nova instalación, e desde esta cara á entrada do núcleo principal

O obxectivo é garantir a capacidade de regulación e almacenamento e minimizar as perdas de auga na condución

Santiago de Compostela, 15 de xuño de 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de adxudicar a redacción do proxecto para a mellora do sistema de abastecemento do concello de Ares.
Este contrato, adxudicado á empresa Proyfe S.L. por un importe de preto de 18.000 euros, conta cun prazo de seis meses para a finalización dos traballos.
O proxecto ten como obxectivo definir as actuacións necesarias para responder ás necesidades en materia de abastecemento do concello de Ares, que se ven especialmente incrementadas no verán por mor da actividade turística.
A Xunta realizou previamente un estudo de alternativas que determinou como solución máis viable a execución dun depósito e das tubaxes correspondentes.
No marco desta intervención, dotarase dun depósito de cabeceira ao concello de Ares e substituirase a tubaxe, tanto desde a derivación da Barca cara á nova instalación coma desde esta cara á entrada do núcleo principal.
Estas actuacións permitirán garantir a capacidade de regulación e almacenamento necesarios e minimizar as perdas de carga na condución.