A Xunta e os comerciantes de Zona Príncipe coinciden na necesidade de potenciar a formación para mellorar a inserción laboral e fortalecer o tecido empresarial

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Pablo Casal, mantivo esta mañá un encontro telemático cos responsables do Programa Integrado de Emprego (PIE) da Asociación de Comerciantes e Profesionais Zona Príncipe

Santiago de Compostela, 15 de xuño de 2020

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Pablo Casal, mantivo esta mañá un encontro telemático cos responsables do Programa Integrado de Emprego (PIE) da Asociación de Comerciantes e Profesionais Zona Príncipe (Vigo).

No encontro, Casal subliñou a importancia de contar cunha formación técnica e especializada que se axuste ás necesidades dos mercados laborais no novo escenario poscovid-19. O director salientou que esta aposta facilitaría a inserción laboral e fortalecería o tecido empresarial, ao responder coa máxima eficiencia ás demandas de perfís e competencias por parte das empresas.

Así mesmo, o responsable de Orientación e Promoción Laboral destacou que o desexo da Xunta é a finalización presencial do curso, tras seren interrumpidas as leccións deste tipo durante o estado de alarma, que sen embargo se mantiveron activas nun formato virtual adaptado. Casal manifestou que se está a traballar nunha planificación que recupere o equivalente ao total de clases suspendidas, ofrecendo as garantías sanitarias oportunas.

O programa formativo de Zona Príncipe conta coa participación de 100 usuarios e está destinado a mellorar a ocupabilidade de colectivos desempregados das zonas de Vigo e comarca, Cangas e Moaña, maioritariamente menores de 30 anos en paro. Os participantes reciben formación multidisciplinar en áreas como atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais, axudante de comercio ou carretillero, sumando tamén a aprendizaxe de técnicas de ofimática, oratoria ou idiomas. Ademais, os alumnos poderán participar en talleres de coaching e de intelixencia emocional.

Imaxes relacionadas