ADOS pon en valor a solidariedade e xenerosidade da cidadanía galega co gallo da celebración do Día Mundial do Doador de Sangue

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue lembra que o índice de doazón do 2019, situouse en 41 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano, superando en dous puntos a taxa acadada no ano anterior e por riba da media estatal

Santiago de Compostela, 14 de xuño de 2020

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) salienta hoxe a solidaridade e xenerosidade das e dos doadores galegos, co gallo da conmemoración do Día Mundial do Doador de Sangue, institucionalizado pola Organización Mundial da Saúde (OMS). Nesta ocasión, a OMS elixiu o lema “Doa sangue para que o mundo sexa un lugar máis saúdable” para a campaña “O sangue seguro salva vidas”, co obxectivo de transmitir a necesidade de potenciar o xeneroso xesto da doazón de sangue como xeito de mellorar a saúde de todos os membros da comunidade.

Ante a imposibilidade de realizar físicamente o habitual acto de conmemoración do Día Mundial do Doador de Sangue 2020, ADOS, nesta ocasión, quere facer unha homenaxe a todas e todos os doantes de sangue mediante a emisión dun vídeo especial, hoxe, que será difundido a través das redes sociais da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (Facebook, Instagram, Twitter e canle de YouTube).

Deste xeito, ADOS quere facer chegar o seu recoñecemento a todas e todos os doantes de sangue e, como non, aos concellos, centros educativos, empresas, irmandades de doantes,.... e a todos os colectivos que día a día, desde hai máis de dúas décadas, teñen contribuído a crear unha conciencia solidaria proclive a doazón de sangue en Galicia

Índice de doazón

ADOS salienta que Galicia acadou, o pasado 2019, unha cifra de 41 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano, superando o índice de participación que recomenda a Organización Mundial da Saúde e sitúandose dous puntos por riba da cifra acadada no exercicio anterior. As 109.330 doazóns de sangue acadadas en 2019 supoñen un crecemento do 3,1% con respecto ao ano anterior, sendo as provincias de Lugo e Ourense as que rexistraron un maior crecemento, do 13,9% e do 7,3%, respectivamente, a pesar das dificultades sociodemográficas que presentan ambas provincias.

ADOS quere agradecer a todas e todos os doantes o seu compromiso coa doazón que ten permitido incrementar, novamente, a cifra de doazóns en Galicia, así como acadar 9.532 doantes novos, cifra que representa un total do 15,1% de doadores do pasado ano e que supón unha importante renovación na base de doadores.

Así mesmo, quere facer extensivo, e de xeito, moi especial este agradecemento ás preto de 24.000 persoas que teñen doado sangue desde o pasado 13 de marzo e que permitiron garantir o desenvolvemento da actividade asistencial hospitalaria desde o inicio da crise sanitaria pola COVID-19.


Desde ADOS manifestar o recoñecemento a todas as persoas, institucións e asociacións que colaboran nas campañas informativas a prol da doazón de sangue, especialmente ás Irmandades de Doadores de Sangue e a todas as persoas que doaron sangue no pasado 2019 e ao longo do presente ano que, a pesar da situación excepcional que estamos a vivir, son conscientes do valor vital que supón facer unha doazón de sangue.
 

Imaxes relacionadas