A conselleira do Mar e a presidenta da Cruz Vermella en Galicia asinaron un convenio de colaboración en materia de salvamento marítimo e loita contra a contaminación

A Xunta e a Cruz Vermella blindan un ano máis a súa colaboración nos ámbitos do salvamento marítimo e da loita contra a contaminación mariña

Esta cooperación realízase a través do Servizo de Gardacostas e a ela a Consellería do Mar destina 30.000 euros para as actividades levadas a cabo este ano

Ambas as dúas partes levan máis dunha década colaborando nesta materia co obxectivo de sumar esforzos e avanzar na seguridade no eido marítimo-pesqueiro

Santiago de Compostela, 13 de xuño de 2020

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, e a presidenta da Cruz Vermella en Galicia, María Carmen Colmeiro, asinaron esta semana o convenio co que se renova a colaboración da Administración galega con esta entidade en materia de salvamento marítimo e loita contra a contaminación mariña. A esta colaboración a Xunta destina 30.000 euros para sufragar as actividades realizadas ao longo deste ano e que inclúen, entre outros, exercicios prácticos de rescate e de busca de desaparecidos no mar.

No acto de sinatura do convenio tamén estivo presente o subdirector xeral do Servizo de Gardacostas de Galicia, Lino Sexto, pois a colaboración entre as partes materialízase a través deste organismo autonómico e supón renovar unha cooperación no eido marítimo que xa suma máis dunha década.

Esta colaboración implica a participación da Asemblea Autonómica de Galicia da Cruz Vermella Española, que conta con estacións e postos de salvamento ao longo das costas galegas, en tarefas de salvamento marítimo e loita contra a contaminación de xeito coordinado coa Consellería do Mar. Para iso pon a disposición os seus medios operativos. Pola súa banda á Consellería do Mar correspóndelle coordinar e colaborar coas tarefas que realice coa Cruz Vermella nesta materia.

Esta medida enmárcase na aposta blindada do Executivo galego polo salvamento no mar e a loita contra a contaminación mariña e na suma de esforzos neste eido co obxectivo de avanzar na seguridade no eido marítimo-pesqueiro. Ambas as dúas partes levan varios anos colaborando neste ámbito coa participación en exercicios prácticos de rescate, divulgando entre o sector profesional os métodos e técnicas de utilización dos medios utilizados nestes exercicios, en cursos de primeiros auxilios para pescadores e na busca de desaparecidos no mar.

Na área das emerxencias, a Cruz Vermella conta cun programa de salvamento marítimo que ten como obxectivo protexer a vida humana no mar e loitar contra a contaminación mariña. Todo isto realízase de xeito coordinado coa Sociedade de Salvamento e Seguridade Marítima (Sasemar) e a través da colaboración autonómica neste ámbito tanto en materia de prevención como en materia de emerxencias.

Algunhas das accións que realiza a Cruz Vermella neste eido son a participación en exercicios de adestramento, operacións de busca, salvamento e rescate, servizos de asistencia e remolque de embarcacións e tarefas de apoio en materia de loita contra a contaminación mariña.

Imaxes relacionadas