A Xunta inicia a tramitación do decreto para crear os rexistros de intermediarios de crédito inmobiliario e de prestamistas inmobiliarios

A creación destes rexistros é consecuencia da aplicación da normativa estatal

Santiago de Compostela, 12 de xuño de 2020

A Xunta de Galicia vén de iniciar a tramitación dun decreto polo que se crean e regulan dous novos rexistros: o rexistro de intermediarios de crédito inmobiliario e o rexistro de prestamistas inmobiliarios da Comunidade Autónoma de Galicia.

A creación destes rexistros vén derivado da normativa estatal vixente, en concreto da Lei 5/2019, reguladora dos contratos de crédito inmobiliario. Deste xeito, a xestión de ambos rexistros corresponderá á dirección xeral competente en materia de ordenación de crédito.

No rexistro de intermediarios de crédito inmobiliario da Comunidade Autónoma de Galicia deberán estar inscritos os intermediarios de crédito inmobiliario que operen ou vaian operar exclusivamente con prestatarios domiciliados dentro do ámbito territorial de Galicia.

En canto ao rexistro de prestamistas inmobiliarios, neste rexistro terán que inscribirse os prestamistas inmobiliarios que operen ou vaian operar exclusivamente dentro do ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

Tal como establece o decreto, están excluídas destes rexistros as entidades de crédito, as sucursais en España de entidades de crédito estranxeiras ou que operen en réxime de libre prestación de servizos, ou os establecementos financeiros de crédito.