A Xunta e o Concello de Santiago pechan a consulta pública a operadores con tres propostas de despregamento de fibra no casco histórico

O proceso, lanzado a finais de ano, rematou coas propostas de despregamento de tres operadores, dos que un vén de solicitar a licenza municipal para iniciar os traballos neste mesmo ano

Os detalles deste proxecto daranse a coñecer a principios da vindeira semana

As iniciativas partiron do ‘Catálogo de solucións’ elaborado pola Administración autonómica coa colaboración do Concello compostelán para facilitar a extensión de redes de telecomunicación en zonas protexidas

As solucións técnicas acadadas poderán ser extrapolables a outros conxuntos históricos

Santiago de Compostela, 12 de xuño de 2020

A Xunta de Galicia e o Concello de Santiago veñen de pechar o proceso de consulta aberta a operadores para despregar fibra no conxunto histórico de Santiago coas propostas de R, Telefónica e Orange, operador que vén de solicitar licenza para comezar a despregar este ano. Os detalles desta proposta daranse a coñecer a principios da semana que vén.

As iniciativas dos tres operadores son o resultado da consulta pública, lanzada a finais de ano pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e o Concello de Santiago, para que os operadores presentasen proxectos de despregamento de fibra óptica no conxunto histórico de Compostela, tomando como punto de partida o Catálogo de Solucións Técnicas aprobado o pasado verán polo Goberno galego, en colaboración co Concello de Santiago e co Consorcio.

Tras unha primeira rolda de contactos, na que participaron ata sete operadores, foron as tres compañías citadas as que completaron o proceso coa elaboración das tres propostas valoradas positivamente pola comisión de seguimento da consulta aberta.

Catálogo de Solucións

A Xunta presentou en xullo do ano pasado o Catálogo de solucións para actuacións de tendido da rede de fibra óptica en contornas urbanas de especial protección e conxuntos históricos de Galicia, elaborado pola Amtega, o operador público Retegal e a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural para abordar unha problemática presente en toda a Unión Europea para a que ata agora non se ofrecera ningunha solución.

Para a elaboración desta guía partiuse do caso concreto de Santiago de Compostela e en colaboración co Concello, co Consorcio de Santiago e cun equipo multidisciplinar (integrado por arquitectos, enxeñeiros de telecomunicación e técnicos proxectistas especializados en despregamentos de fibra óptica), elaboráronse unha serie de propostas viables e extrapolables a outros conxuntos históricos, e que serviu de base técnica a ter en conta na consulta que se pecha.

Imaxes relacionadas