Esta actuación da Xunta no Camiño Francés, enmárcase na estratexia de integración e mellora das rutas xacobeas á chegada a Compostela

A execución da nova fase dos traballos no cruce de Concheiros coa Avenida de Lugo e Rodríguez de Viguri, en Santiago, fan necesario novos cambios de tráfico a partir do luns 15

O obxectivo é seguir avanzando a bo ritmo na execución das obras e minimizar as obrigadas afeccións ao tráfico nun momento no que se rexistran menos desprazamentos

Desde o comezo dos traballos, a Xunta e o Concello de Santiago traballan de modo coordinado co obxectivo de compatibilizar do mellor xeito o tráfico rodado coa execución das obras

Eliminaranse os xiros no nó de Concheiros, permitíndose o acceso desde Concheiros á avenida de Lugo unicamente en sentido descendente e en Fonte de Concheiros restrinxirase o tráfico á entrada a garaxes e residentes

Na rotonda provisional da estación de autobuses habilitaranse os dous carrís interiores, quedando o carril dereito cortado, o que posibilitará xa dimensionar as rotondas da avenida de Lugo e da estación co seu tamaño definitivo

Estas novas medidas permiten manter sen modificacións o resto dos cambios actuais na reordenación do tráfico

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade desenvolve estas obras no Camiño Francés como parte do proxecto de mellora e integración paisaxística das entradas en Compostela das rutas xacobeas, en beneficio de veciños e de peregrinos

Santiago de Compostela, 12 de xuño de 2020

A execución da nova fase dos traballos que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade está a desenvolver no cruce dos Concheiros coa avenida de Lugo e Rodríguez de Viguri, en Santiago, fan necesario novos cambios do tráfico a partir do luns, día 15 de xuño.
O obxectivo é seguir avanzando ao maior ritmo de execución posible nas obras e minimizar as obrigadas afeccións ao tráfico nun momento no que o nivel de desprazamentos descendeu e o uso do transporte público, aínda que sigue subindo, segue en niveis máis baixos do habitual.
Desde o comezo desta obras, a Xunta e o Concello de Santiago traballan de modo coordinado na reformulación do plan de tráfico co obxectivo de compatibilizar do mellor xeito posible o tráfico rodado coa execución dos traballos.
Os principais cambios na ordenación do tráfico implican levar ás glorietas os movementos actuais do cruce, o que tamén suporán modificacións na circulación do transporte público. Tamén se restrinxe o tráfico en Fonte de Concheiros.

Máis en concreto, eliminaranse os xiros no nó de Concheiros, permitíndose o acceso desde Concheiros á avenida de Lugo unicamente en sentido descendente. Ademais en Fonte de Concheiros cara o nó permitirase só a entrada a garaxes e residentes.

Na rotonda provisional da estación de autobuses habilitaranse os dous carrís interiores, quedando o carril dereito cortado. Nesta zona, os traballos permitirán xa dimensionar as rotondas da avenida de Lugo e da estación de autobuses co seu tamaño definitivo.

Pola súa banda, na avenida Rodríguez de Viguri retiraranse provisionalmente as prazas de aparcamento en sentido descendente, o que permite manter habilitado un carril en cada sentido.

Estas novas medidas permiten manter sen modificacións o resto dos cambios actuais na reordenación do tráfico.

Así, na avenida de Lugo mantense habilitado un carril por sentido a través das vías de servizo, con acceso en sentido descendente ata a rotonda situada xunto ao centro de saúde das Fontiñas.

Tamén na rúa Londres seguirá con sentido único descendente e a rúa Berlín manterase con sentido único ascendente, ao tempo que segue prohibido o xiro desde a vía de servizo da avenida de Lugo cara á rúa Berlín. Ademais mantéñense os aparcamentos na avenida de Lugo e as recomendacións na SC-20 para que os vehículos que se dirixen ao centro comercial As Cancelas ou á Xunta se desvíen pola rúa Roma.

As entradas dos Camiños á cidade

Esta actuación da Xunta no Camiño Francés, enmárcase na estratexia de integración e mellora das rutas xacobeas á chegada a Compostela, en beneficio de cidadáns e peregrinos.
Os traballos que se están a executar consisten na reforma do nó de Concheiros coa fin de incrementar a seguridade viaria na contorna, especialmente para os peóns, ordenar o tráfico e aumentar o espazo público dispoñible.
A actuación transformará o actual nó nunha gran praza de 6.000 metros cadrados, onde se compatibilizará o tránsito ordenado e prioritario dos peregrinos cun tráfico rodado fluído e seguro, facilitando, ademais, a conexión de Concheiros co das Fontiñas.
Nesta intervención, a Consellería de Infraestruturas da Xunta ten programada unha reordenación de todas as vías e accesos que conflúen no nó de Concheiros, facilitando movementos máis seguros, tanto para vehículos como para peóns e peregrinos.
A actuación inclúe tamén a creación dun gran espazo verde para o que se dará continuidade á ringleira de árbores existentes na avenida de Lugo cara arriba, ata o cruce de Concheiros, contribuíndo así a facer do Camiño unha ruta moito máis identificable.
De cara a reforzar a seguridade viaria da avenida de Lugo -que manterá os dous carrís de baixada e de subida-, cambiarase o pavimento existente nese punto por un chan de lastras, para inducir á redución da velocidade, fomentando un maior respecto entre condutor e camiñante.
Así mesmo, co obxectivo de ofrecer unha maior continuidade á ruta xacobea no cruce dos Concheiros, e facer que a traza do Camiño sexa moito máis identificable para o peregrino, disporase nesa zona de iluminación específica que lle servirá de guía ao camiñante. Instalarase unha tira de luminarias colgantes no nó dos Concheiros que guiarán os seus pasos cara á Praza do Obradoiro.
No proxecto inclúese a execución de dúas novas glorietas que favorecerán o acceso ao barrio de Fontiñas e mellorarán os tráficos urbanos, facéndoo así o tráfico máis fluído.