As obras de conservación na ponte do río Deva obrigarán a desviar o tráfico na OU-801, ao seu paso por Pontedeva e Cortegada, desde o vindeiro luns e ata mediados de agosto

A intervención na estrada autonómica que comunica Ribadavia co límite da provincia en Pontebarxas, na fronteira de Portugal, foi adxudicada por preto de 190.000 euros

A actuación ten por obxecto actuar nos apoios dos estribos da ponte

Para realizar os traballos habilítanse dúas alternativas, unha para o tráfico pesado por Ponte Frieira, e outra para o lixeiro pola OU-194 e pola OU-193

Estas obras enmárcanse no programa específico de seguridade das pontes e das obras de paso, co que se desenvolven inspeccións periódicas nestas estruturas para anticiparse a posibles futuros problemas

Santiago de Compostela, 12 de xuño de 2020

As obras impulsadas pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, para a conservación e o mantemento na ponte do río Deva, obrigarán a desviar o tráfico na estrada OU-801, ao seu paso polos municipios de Pontedeva e Cortegada, desde o vindeiro luns día 15 e ata mediados de agosto.

Esta intervención na estrada autonómica que comunica Ribadavia (OU-405) co límite da provincia en Pontebarxas, na fronteira de Portugal, foi adxudicada por 189.786,55 euros. Os traballos execútaos a empresa Orion Reparación Estructural S.L.

As obras teñen por obxecto actuar nos apoios dos estribos da ponte do río Deva. Para executar estes traballos é necesario o corte da estrada, entre os puntos quilométricos18+550 e 19+010.

Durante o desenvolvemento dos traballos na ponte Deva quedarán habilitados dous desvíos, un para o trafico pesado por Ponte Frieira (estradas OU-412 e PO-400), e outra alternativa para o tráfico lixeiro pola OU-194 e OU-193.

A infraestrutura e os traballos

Esta ponte salva o embalse da Frieira, pertencente á Confederación Hidrográfica Miño-Sil, ten unha altura de pilas maior a 40 metros e unha celosía mixta de 7 metros de canto e 6 metros de ancho sobre a que se construíu unha lousa armada. O ancho do taboleiro é de 10,80 metros con dous carrís de 3,50 metros, dúas beiravías de 1,40 metros e pretís metálicos de 0,50 metros.

A actuación consiste na substitución dos aparatos de apoio de neopreno zunchado existentes, a través da colocación dos novos apoios de neopreno-teflón e de novas xuntas de dilatación que terán unha lonxitude de 9,80 metros e permitirán uns movementos do taboleiro de máis ou menos 115 milímetros. Con estas actuacións conséguese substituír os apoios existentes degradados e deixar a ponte reforzada e preparada para futuras operacións similares, simplificándoas.

Programa específico para pontes e obras de paso

Esta intervención enmárcase no programa específico de seguridade das pontes e das obras de paso, a través do que se levan a cabo actuacións de inspeccións periódicas e constantes en todas as estruturas das estradas autonómicas co fin de anticiparse a posibles futuros problemas.

Con este traballo, o departamento de Infraestruturas da Xunta supervisa de forma permanente o estado destes elementos, mantén actualizada a información sobre o seu estado de conservación e promove as actuacións preventivas que se consideran necesarias.

Este programa de seguridade e inspección de estruturas permite ter un coñecemento máis completo da rede viaria, do seu estado de conservación, tanto desde o punto de vista estrutural, como da súa evolución de deterioro no tempo e, por suposto, desde o punto de vista da seguridade dos usuarios.

O programa posibilita, polo tanto, coñecer de maneira detallada as necesidades de intervención en cada ponte ou obra de paso e deseñar, proxectar e executar estas actuacións de conservación, optimizando os recursos económicos e priorizando segundo criterios técnicos obxectivos.