A conselleira do Mar mantivo unha xuntanza por videoconferencia con representantes da Alianza Pesqueira Europea (EUFA) e de entidades pesqueiras galegas

Galicia asinará unha segunda declaración en favor das comunidades pesqueiras ante o brexit para reforzar a defensa dos seus intereses durante a negociación

O Executivo galego apela a manter a unidade de acción do sector pesqueiro para facer forza e reeditará a coñecida como declaración de Santiago que o presidente da Xunta asinou en outubro de 2017 converténdose no primeiro responsable dunha rexión europea en facelo

Rosa Quintana pide seguir coa liña de traballo mantida desde entón para que as institucións europeas ao máis alto nivel reaccionen e manteñan a pesca entre as súas prioridades na negociación co Reino Unido

A comunidade galega defende un acordo pesqueiro que manteña o statu quo, a igualdade de condicións entre as partes e o acceso mutuo aos recursos e ao mercado co obxectivo de dar estabilidade ás empresas do sector

Santiago de Compostela, 11 de xuño de 2020

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, mantivo hoxe unha xuntanza por videoconferencia con representantes da Alianza Pesqueira Europa (EUFA) e de distintas entidades pesqueiras galegas na que analizou a falla de avances na negociación da Unión Europea co Reino Unido sobre o brexit e na que apelou a manter a unidade de acción do sector pesqueiro europeo ante este escenario. Con ese obxectivo, a titular de Mar anunciou que Galicia asinará unha segunda declaración en favor das comunidades pesqueiras ante o brexit -a coñecida como declaración de Santiago- para que o sector conte cunha posición de forza na defensa dos seus intereses.

A representante do Executivo galego destacou que se todas as rexións pesqueiras europeas seguen traballando de xeito conxunto como ata agora acadarán unha fortaleza que facilitará que as súas demandas sexan atendidas na negociación do futuro acordo pesqueiro entre as autoridades europeas e as británicas. Por iso, trasladou ao sector que a Xunta prevé reeditar a declaración de Santiago, asinada polo presidente de Goberno autonómico, Alberto Núñez Feijóo, en outubro de 2017 converténdose no primeiro responsable dunha rexión europea en asinalo.

A conselleira do Mar lamentou que as partes vaian xa pola cuarta rolda de contactos na busca dun acordo e que aínda non se rexistrasen avances, polo que pediu ao sector que se manteña unido co obxectivo de que a súa importancia económica e social sexa tida en conta nas negociacións. Neste sentido, salientou a importancia de manter a unidade de acción de todo o sector pesqueiro da Unión Europea para conseguir que o conxunto das institucións europeas ao máis alto nivel reaccionen e se poñan do lado do comisionado europeo para a negociación do brexit, Michel Barnier, na defensa da pesca.

Galicia defende que a negociación do futuro acordo pesqueiro entre a UE e o Reino Unido sexa considerado un asunto prioritario dada a importancia que o complexo mar-industria ten para o conxunto da comunidade e de España, ao igual que noutras rexións pesqueiras europeas. O brexit afecta a arredor dun cento de buques galegos ou propiedade de armadores galegos que faenan en augas do Reino Unido e que dan emprego a máis de 1.700 tripulantes.

Ante este escenario, a Xunta e o sector pesqueiro galego apostan por un acordo pesqueiro que manteña o statu quo, a igualdade de condicións entre as partes -ou level playing field- e que estea condicionado ao acceso mutuo aos recursos, ás zonas pesqueiras e ao mercado. Trátase da mesma solución que defende o último informe encargado polo Executivo galego ao Instituto Universitario de Estudos Europeos Salvador de Madariaga sobre As relacións pesqueiras entre a Unión Europea e o Reino Unido tras o brexit, que advirte de que a ausencia de acordo dificultaría o desembarque dos produtos pesqueiros nos portos de ambas partes e derivaría en trabas administrativas, arancelarias e sanitarias.

Por iso, o documento aposta por manter unhas relacións pesqueiras semellantes ás actuais pero enmarcadas no dereito internacional e por poñer en relación os acordos xa existentes e os compromisos adquiridos no marco da Comisión de Pesqueiras do Atlántico Noreste (Neafc). A chave do pacto, salienta o informe da entidade dirixida polo profesor José Manuel Sobrino, é que reflicta o equilibrio de forzas entre as partes mediante o acceso mutuo aos recursos e ao mercado posto que o libre acceso ás augas e portos é indisociable do libre comercio e da entrada dos produtos do mar de Reino Unido ao mercado da UE.

Xuntanzas co sector

Esta xuntanza telemática con representantes da EUFA e do sector pesqueiro galego súmase á mantida onte con responsables de organizacións pesqueiras da zona da Coruña e ás celebradas a semana pasada con entidades de Burela e Celeiro, nas que a Xunta e a frota abordaron as repercusións que tería para o complexo mar-industria a non consecución dun acordo co Reino Unido así como as medidas a adoptar para defender os intereses galegos durante as negociacións.

O Executivo galego escoitou as inquedanzas do sector ante a situación actual de parálise na negociación do protocolo de retirada do Reino Unido da Unión Europea e trasladou o traballo realizado na defensa dos seus intereses co obxectivo de facer fronte ás incertezas actuais. Con esa finalidade, Galicia aposta pola unidade de acción e a alianza de todas as rexións pesqueiras europeas para garantir a estabilidade e o futuro do sector.

Imaxes relacionadas