A Xunta avanza no remate dos traballos de conservación e limpeza no treito interurbano do río Masma, en Mondoñedo

As actuacións abarcan un tramo de 40 metros deste río, no lugar do Arco

Atendendo á solicitude do Concello, as tarefas están a centrarse neste momento na retirada de madeira caída á canle en puntos concretos do río

Realizouse xa a retirada do atoamento na ponte e a roza da vexetación, así como a retirada da sedimentación na zona da canle

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade mantén activas as actuacións para a mellora dos leitos fluviais e favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos

Santiago de Compostela, 11 de xuño de 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, avanzan no remate da execución dos traballos de conservación e limpeza no treito interurbano do río Masma, ao seu paso polo concello de Mondoñedo.

A intervención, iniciada a finais do pasado mes de maio, permitiu executar xa o groso dos traballos programados desde Augas de Galicia, nun tramo duns 40 metros de lonxitude que coincide co percorrido do río polo lugar do Arco, na parroquia de Masma (Santo André).

As tarefas de mantemento da Xunta céntranse neste momento na retirada de madeira caída á canle en puntos concretos do río Masma, atendendo á solicitude realizada polo Concello.

O resto dos traballos programados por Augas de Galicia no treito interurbano deste río xa están executados e desenvolvéronse en dúas fases.

A primeira parte dos traballos centrouse na retirada do atoamento na ponte e roza da vexetación, que se desenvolvía na zona de sedimentación da canle, e o levantamento topográfico da canle na zona anterior.

Na segunda fase, que se acaba de finalizar, procedeuse á retirada do sedimento e o seu transporte ao xestor autorizado dos residuos xerados.

Estas accións enmárcanse no programa de mantemento, conservación e mellora que realiza Augas de Galicia no dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa, no ámbito territorial da zona Galicia-Centro. A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade mantén así activas as actuacións para a mellora dos leitos fluviais e para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos.

Imaxes relacionadas