A Xunta insta ao tecido empresarial ourensán a potenciar a formación de calidade como motor da economía e da empregabilidade no novo escenario poscovid-19

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Pablo Casal, reuniuse esta mañá de maneira telemática con responsables do Programa Integrado de Emprego (PIE) da Confederación Empresarial de Ourense

Santiago de Compostela, 11 de xuño de 2020

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Pablo Casal, reuniuse esta mañá de maneira telemática con responsables do Programa Integrado de Emprego (PIE) da Confederación Empresarial de Ourense.

Durante o encontro, o director salientou a importancia de apostar por unha formación e unha educación de calidade para garantir o fortalecemento do tecido empresarial ourensán, garantindo unha mellora no nivel de empregabilidade, reforzando a competitividade dos traballadores e contribuíndo á reactivación económica no novo escenario económico poscovid-19. Do mesmo xeito, Casal quixo manifestar o compromiso da Xunta para a conclusión académica do programa, prorrogando os prazos lectivos equivalentes ao período de suspensión motivado pola pandemia, e apuntando ao deseño dunha planificación que permita a recuperación das clases presenciais, que realizaron de xeito virtual durante o tempo de reclusión.

O PIE ourensán conta coa participación de 100 usuarios en situación de desemprego ou perceptoras da renda de inclusión social de Galicia. A programación está destinada á obtención de certificados de profesionalidade en áreas como actividades auxiliares de almacén, postos de apoio no comercio ou responsabilidades administrativas na relación cos clientes. O curso lectivo inclúe cursos de idiomas, traballo con drons e mellora nas competencias dixitais, incluíndo a creación dunha páxina web propia ou o fomento da proxección comercial virtual.

Imaxes relacionadas