A Xunta autoriza aos centros de día a prestar atención terapéutica individual con cita previa aos seus usuarios

Este servizo prestarase con todas as medidas de seguridade e hixiene necesarias

A Administración autonómica permitirá retomar o resto de actividades unha vez finalice a formación específica do persoal, conte co material de protección axeitado e protocolos adaptados a cada centro e dea luz verde a autoridade sanitaria

Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2020

A Xunta de Galicia autoriza aos centros de día a prestar atención terapéutica individual con cita previa aos seus usuarios, garantindo sempre todas as medidas de seguridade e hixiene necesarias. Así llo trasladaron aos representantes das principais federacións de entidades de discapacidade, o Cermi-Galicia, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e a conselleira de Política Social, Fabiola García.

Na xuntanza incidiuse en que a Administración autonómica quere ser prudente en canto á apertura dos centros de día, pero tamén procura dar unha resposta ás necesidades que poidan ter as persoas maiores ou con discapacidade e as súas familias. Por iso, adquiriuse o compromiso de facer todo o posible para normalizar progresivamente a situación.

A Xunta xa está a traballar coas entidades para retomar o resto de actividades que se ofrecen nun centro de día. Para iso, estáselles a ofrecer formación específica para todo o seu persoal, procederase ao subministro centralizado de equipos de protección a través da plataforma Clonegal e cada centro deberá preparar protocolos adaptados á súa propia realidade. Unha vez se cumpran esas condicións e a autoridade sanitaria dea o seu visto e prace, os centros poderán retomar progresivamente o seu funcionamento.

Na reunión fíxose fincapé en que a Xunta de Galicia seguirá escoitando e estando ao carón das persoas maiores e con discapacidade e das súas familias, pois aínda que se está extremando a prudencia e vixiando a evolución da pandemia, tamén se está a traballar para recuperar progresivamente uns servizos sociais que son imprescindibles no día a día destas persoas.

Imaxes relacionadas