A comisaria do Xacobeo 2021 comparte con Navarra as medidas da Xunta para a reapertura do Camiño de Santiago

Cecilia Pereira participou por videoconferencia nunha sesión centrada no futuro da Ruta Xacobea tras a crise sanitaria no marco das IV Xornadas Turismo de Navarra

Subliñou a necesidade de que os distintos Camiños retomen a súa actividade coa máxima seguridade para os peregrinos e profesionais que traballan nas rutas

Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2020

A comisaria do Xacobeo 2021, Cecilia Pereira, trasladou no marco das IV Xornadas Turismo de Navarra as medidas da Xunta para a reapertura do Camiño de Santiago tras a crise do coronavirus. Fíxoo a través dunha videoconferencia no marco da sesión Transformación y oportunidad para el Camiño de Santiago Francés en tiempos covid-19, na que salientou a necesidade de que os distintos camiños retomen a súa actividade en condicións de absoluta seguridade, tanto para os peregrinos como para os profesionais e voluntarios que traballan a mesma.

Neste sentido, Cecilia Pereira lembrou que onte na Comisión Organizadora do Xacobeo 2021, o Goberno galego, a Igrexa e o Concello de Santiago acordaron coordinar a reapertura dos albergues da rede pública, da Catedral e do Centro Internacional de Acollida ao Peregrino a partir do vindeiro 1 de xullo, permitindo a paulatina reactivación do Camiño de Santiago de xeito ordenado e progresivo.

A comisaria do Xacobeo 2021 subliñou que no escenario actual cómpre traballar por un Ano Santo que conserve os seus valores característicos, entre os que citou a concordia, a convivencia, o esforzo ou a solidariedade, ao tempo que se aposta pola máxima seguridade sanitaria e a sustentabilidade co obxectivo de proxectar Galicia como un destino seguro a nivel internacional.

Programa ‘Camiño Seguro’

Para avanzar neste obxectivo destacou a posta en marcha do programa Camiño Seguro, unha iniciativa que inclúe accións como a elaboración dun manual feito en colaboración co Instituto para la Calidad Turística Española (ICTE) e que servirá como protocolo integral de actuación nos itinerarios xacobeos ou a posta en marcha de accións formativas específicas para os alberguero de xeito gratuíto, cunha oferta inicial de 500 prazas.

Imaxes relacionadas