A Xunta amplía os prazos da segunda edición de 'O teu Xacobeo' que chegará ata o outono de 2021

Segundo se publica hoxe no DOG, as actuacións que formen parte desta segunda convocatoria poderán executarse ata o 30 de setembro de 2021

O Goberno galego tamén facilita a reprogramación das actuacións da primeira edición que se viron cancelados polo coronavirus

Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2020

A Xunta de Galicia amplía os prazos da segunda edición de O teu Xacobeo que empezará a executarse cando remate a primeira convocatoria, en outubro deste mesmo ano, e chegará ata o outono de 2021. Así, o Goberno autonómico facilitará a posta en marcha dos proxectos que se presentaron a esta segunda edición para que se poidan desenvolver con normalidade e cumprindo coas indicacións sanitarias.

Concretamente, tal e como se publica hoxe no Diario Oficial de Galicia, os proxectos que forman parte desta nova edición poderán ser executados ata o 30 de setembro de 2021, buscando así a máxima flexibilización, propiciando o seu financiamento e evitando causar prexuízos as empresas, particulares e asociacións participantes. Trátase de proxectos que se dividen en tres liñas de axuda e que abranguen cinco ámbitos de actuación: o artístico, patrimonio-historia-pensamento-espiritualidade, gastronomía, deporte e ámbito social.

Esta nova convocatoria, actualmente en fase de resolución, viuse afectada pola suspensión de prazos derivada do estado de alarma decretado a raíz da crise sanitaria. A Administración autonómica reactivou xa o proceso administrativo mantendo a dotación económica de 3,3 millóns de euros, que permitirán seguir implicando e fomentando a participación da sociedade civil no próximo Xacobeo 2021, unha celebración que está chamada a ser un motor de recuperación económica e emocional para Galicia. Os 3,3 millóns de euros desta nova edición súmanse aos 4,7 habilitados para a primeira convocatoria.

Cómpre lembrar que os proxectos incluídos na primeira edición de O teu Xacobeo que se viron afectados pola crise do coronavirus e que, polo tanto, non se puideron desenvolver con normalidade, tamén contarán con facilidades para ser reprogramados e non ter que interromper a súa actividade. Neste sentido, o Diario Oficial de Galicia publicou o pasado mes de maio que os beneficiaros da primeira convocatoria poderán desenvolver os seus proxectos ata o 31 de outubro deste mesmo ano.

Imaxes relacionadas