A Xunta adxudica a actualización do Plan de xestión de risco de inundacións na área do río Umia en Caldas de Reis

Os traballos, adxudicados por un importe duns 18.000 euros, contan cun prazo de execución de seis meses

Na revisión do plan, esta área de risco ampliouse ata 11 km, coa incorporación do rego Chaín

Estableceranse medidas concretas de prevención, preparación, protección e reparación ante os efectos negativos destes episodios

Augas de Galicia avanza na definición de medidas concretas de cara á aprobación do Plan Hidrolóxico 2021-2027 Galicia-Costa antes do fin de 2021, en cumprimento do establecido na Directiva Marco da Auga

Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de adxudicar o servizo de apoio técnico para a actualización e mellora do Plan específico para a xestión do risco de inundacións na área do río Umia, no concello de Caldas Reis.

Este contrato foi adxudicado á empresa Consultora de Ingeniería, Medioambiente y Arquitectura, S.L. por importe duns 18.000 euros.

A actuación enmárcase no proceso de revisión do actual Plan de xestión de risco de inundacións da demarcación Galicia-Costa que está a levar a cabo Augas de Galicia, e que servirá como base para a elaboración do Plan de xestión de risco de inundación 2021-2027.

Augas de Galicia desenvolveu no ano 2018 a revisión e actualización destes plans, ampliando as áreas existentes, que pasan das actuais 168 áreas fluviais ás 170 con risco potencial significativo de inundacións. Nesta ampliación inclúense un novo treito na área do río Umia en Caldas de Reis, que incorpora o rego Chaín, de 2,9 km de lonxitude, sumando a nova área un total de 11 km de lonxitude.

Mediante este contrato, e a partir das medidas propostas polos traballos de avaliación preliminar de riscos de inundación nesta área, estableceranse as actuacións precisas que compilen e propoñan medidas na área do río Umia en Caldas de Reis para o ciclo 2021-2027.

O obxecto dos traballos é a actualización do Plan Específico para a xestión das inundacións desta área, catalogada como de risco potencial, no que se inclúa un programa de medidas concretas de diferente tipoloxía -tanto de xestión, como estruturais-, que permitan diminuír os efectos negativos causados por este tipo de episodios.

Na elaboración da proposta terase en conta as distintas liñas de traballo marcadas pola Directiva europea de Inundacións, de prevención, preparación, protección e reparación.

O programa incluirá tamén as medidas que correspondan a diferentes administracións, en función do ámbito das súas competencias de cara a acadar o obxectivo previsto.

Augas de Galicia dispón xa dun programa de medidas establecido no Plan de xestión de risco de inundacións da demarcación Galicia-Costa 2015-2021, e neste momento está a traballarse na actualización do mesmo de cara á aprobación do novo plan hidrolóxico 2021-2017 antes do fin de 2021, en cumprimento do establecido na Directiva Marco da Auga.