A Xunta remata a senda e as obras de mellora da seguridade na estrada PO-308, entre o Covelo e Raxó, en Poio

A senda, cunha lonxitude de 3,7 km, permite completar un itinerario seguro e sustentable desde a travesía de Samieira ata o final da travesía de Raxó

Tamén se acometeron zonas de aparcadoiro, renovouse a iluminación e estendeuse unha nova capa de rodadura no treito inicial da travesía de Raxó

Actuouse, ademais, nun tramo de concentración de accidentes, entre os puntos quilométricos 8+700 a 12+700 da vía

Melloráronse as interseccións, coa construción de glorietas, carrís de espera para os xiros e de aceleración e desaceleración para facilitar as incorporacións

Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de rematar a execución da senda e as obras de mellora de seguridade no treito da estrada PO-308, entre O Covelo e Raxó, no Concello de Poio.

Os traballos consistiron na construción dunha senda, cunha lonxitude de 3,7 km, que permite completar un itinerario seguro e sustentable desde a travesía de Samieira ata o final da travesía de Raxó. Estas obras foran licitadas por 2,06 millóns de euros, e implicaron un gasto adicional de 100.000 € para renovación de conducións de abastecemento e 40.000 € para expropiacións.

Antes da execución das obras foi necesario recoller no proxecto as achegas dos veciños e xestionar un procedemento expropiatorio que permitiu gañar espazo adicional na estrada para poder executar a senda.

A intervención tamén recolleu actuacións complementarias para garantir unha maior funcionalidade, con zonas de aparcadoiro, sistemas de recollida de augas, renovación da iluminación ou unha nova capa de rodadura no treito inicial da travesía de Raxó.

De forma complementaria desenvolvéronse unhas obras de mellora da seguridade viaria que permitiron acondicionar un treito que estaba considerado como de concentración de accidentes, entre os puntos quilométricos 8+700 a 12+700 da vía, e que ademais recolleu a maior parte das achegas dos veciños recibidas nos procesos de información pública realizados. Estas obras enmárcanse na estratexia que está executando a Xunta para suprimir estes puntos negros nas vías autonómicas e foran licitadas por 1,53 millóns de euros, aos que hai que engadir máis de 75.000 € para retranqueo de liñas eléctricas, máis de 290.000 € para expropiacións e 47.710,55 € para a instalación de iluminación nas glorietas.

Para isto, levouse a cabo a mellora de interseccións, coa construción de varias semiglorietas e dúas glorietas, carrís centrais de espera para os xiros e de aceleración e desaceleración, para facilitar as incorporacións e saídas da estrada.

Estas dúas actuacións veñen sumarse a outros dous proxectos de construción de sendas nesta mesma estrada ao seu paso por Poio, que se complementarán tamén con outra actuación para mellorar a seguridade viaria.