Carmen Pomar visita o IES de Cacheiras (Teo) onde animou o alumnado de 2º de bacharelato na última etapa do curso

Teo (A Coruña), 10 de xuño de 2020

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, visitou hoxe o IES de Cacheiras (Teo), onde tivo ocasión de charlar coas alumnas e alumnos de 2º curso de Bacharelato que, de xeito voluntario, se incorporaron ás aulas na última semana de maio para retomar as clases de xeito presencial.

Carmen Pomar animou os estudantes a redobrar esforzos nesta última etapa do curso, sobre todo de cara ás probas de acceso á universidade (Abau), ao tempo que aproveitou para agradecerlles o traballo levado a cabo desde as súas casas nunha situación excepcional debido á pandemia da Covid-19.

A titular de Educación salientou tamén o traballo levado a cabo polos docentes do centro e o equipo directivo tanto durante todo o período lectivo non presencial, como agora que se retomaron as clases e que houbo que redobrar esforzos na posta en marcha do protocolo sanitario para garantir a seguridade no proceso de volta ás aulas.
 

Imaxes relacionadas