A Xunta anima aos hostaleiros pontevedreses a impulsar a formación como panca para fortalecer a reactivación do sector

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Pablo Casal, participou esta mañá nun encontro telemático con participantes no Programa Integrado de Emprego da Federación Provincial de Empresarios de Hostalería de Pontevedra

Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2020

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Pablo Casal, participou esta mañá nun encontro telemático con participantes do Programa Integrado de Emprego (PIE) da Federación Provincial de Empresarios de Hostalería de Pontevedra, destinado a persoas menores de 30 anos desempregadas, parados maiores de 45 anos e mulleres sen ocupación laboral.

Durante o encontro, Casal salientou o valor da formación e a educación de calidade como estímulos para a inserción laboral e o fortalecemento do tecido empresarial pontevedrés, especialmente pemes e autónomos, no novo escenario económico poscovid-19, supeditando a mellora da empregabilidade a unha potenciación das competencias que responda ás novas dinámicas de emprego poscovid-19. Así mesmo, o director quixo manifestar o apoio da Xunta á conclusión práctica do curso, ampliando os prazos lectivos equivalentes ao período de suspensión motivado pola pandemia, e manifestando a vontade de deseñar unha planificación que permita o reinicio da actividade presencial do PIE, que se mantivo en liña durante o estado de alarma.

Esta acción formativa da Federación Provincial de Empresarios de Hostalería de Pontevedra conta coa participación de 100 usuarios, que reciben formación en operacións básicas de bar e restaurante, cociña, ofertas gastronómicas e sistemas de aprovisionamento, ademais de prácticas laborais en establecementos de hostalería. Do mesmo xeito, a formación que actualmente se está impartindo en liña inclúe aprendizaxe en competencias dixitais, novas tecnoloxías, habilidades sociolaborais e programas de idiomas.

 

Imaxes relacionadas