A Xunta remata as obras de ampliación e mellora de beirarrúas na LU-113 ao seu paso por Castro Ribeiras de Lea

Castro de Rei (Lugo), 10 de xuño de 2020

A Xunta de Galicia rematou as obras de ampliación e mellora de beirarrúas na estrada autonómica LU-113 (Rozas-Abadín) no municipio de Castro de Rei, en concreto nun treito de 1,2 quilómetros entre o casco urbano de Castro Ribeiras de Lea e as proximidades do cemiterio de Duarría.

Os traballos xa executados consistiron na renovación integral das beirarrúas, incluíndo espazos de nova construción, con novo pavimento con baldosa hidráulica e con adaptacións que garanten a súa accesibilidade para persoas con mobilidade reducida e tamén, grazas ao pavimento táctil, o uso por persoas invidentes. O investimento ascendeu a 266.500 euros.

Tamén se introduciron varias medidas complementarias, como a construción dun novo paso de peóns sobreelevado -á altura da factoría do Grupo Sada- e a substitución das varanda e das barreiras de seguridade por outras novas. Tamén se mellorou a sinalización vertical e horizontal, entre outras melloras.

Ademais, iniciouse a tramitación do proxecto de ampliación, que suporá a renovación de beirarrúas nun quilómetro máis de estrada, dende o núcleo urbano cara á saída en sentido Abadín -en concreto entre os puntos quilométricos 5,070 e 6,000-.

Imaxes relacionadas