A Xunta traslada ao Centro de Formación Profesional Fesan a importancia dunha formación de calidade como garantía de inserción laboral no horizonte económico poscovid-19

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Pablo Casal, reuniuse esta mañá mediante videoconferencia con responsables do programa formativo do Centro de Formación Profesional Fesan

Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2020

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Pablo Casal, reuniuse esta mañá mediante videoconferencia con responsables do programa formativo do Centro de Formación Profesional Fesan.

Durante a reunión, Casal apuntou á importancia dunha formación e educación de calidade como garantía de inserción profesional e de fortalecemento do tecido empresarial no novo horizonte económico poscovid-19, apelando a unha mellora da empregabilidade que responda ás necesidades das novas dinámicas dos mercados laborais. Do mesmo xeito, o director quixo manifestar o compromiso da Xunta para a finalización plena do curso, ampliando os prazos lectivos equivalentes ao período de suspensión motivado pola pandemia, e subliñando a vontade de deseñar unha planificación que permita o reinicio da actividade presencial do programa, que se mantivo activo en liña durante o estado de alarma.

O programa formativo do Centro de Formación Profesional Fesan conta coa participación de 105 usuarios procedentes de Santiago de Compostela e Lalín, que reciben aprendizaxe en formación e educación, asistencia social e xestión da información e a comunicación. A programación académica inclúe instrución en aprendizaxe, docencia da formación profesional para o emprego, operacións auxiliares de servizos administrativos e xerais, e formación en atención sociosanitaria a persoas no domicilio.