Os Gardacostas requisan preto de 14.000 metros de artes de enmalle, 345 útiles e máis de 450 quilos de distintas especies de peixe e marisco

A ría de Arousa foi a zona que rexistrou máis comisos e incautacións nos últimos días con 7.900 metros de artes de enmalle, 84 aparellos e máis de 250 quilos de distintos produtos do mar requisados

A Costa da Morte tamén foi escenario de diferentes actuacións dos gardacostas que tiveron como resultado a aprehensión de preto de 5.000 metros de artes de enmalle, 36 útiles e arredor de 80 quilos de marisco e peixe
 

Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2020

Axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia, dependente da Consellería do Mar, requisaron arredor de 14.000 metros de artes de enmalle, 345 útiles e máis de 450 quilos de distintas especies de peixe e marisco en distintos controis realizados nos últimos días no litoral de Galicia.

A ría de Arousa foi a zona que rexistrou máis comisos e incautacións con 8.400 metros de artes de enmalle, 84 aparellos e máis de 250 quilos de distintos produtos do mar requisados. Un dos controis máis destacados desenvolveuse na illa de Sálvora e saldouse coa incautación de 1.900 metros de vetas, 1.100 metros de miños e 500 metros de trasmallos. Nesta inspección os axentes tamén se incautaron de 10 nasas e comisaron 12 quilos de polbo, 15 de centola e máis dun quilo de nécora que estaban sen identificar.

A Costa da Morte tamén foi escenario de diferentes actuacións dos axentes de Gardacostas que tiveron como resultado a aprehensión de preto de 5.000 metros de artes de enmalle, de 36 útiles e de arredor de 80 quilos de marisco e peixe. Malpica rexistrou un dos controis máis relevantes no que os axentes requisaron 3.600 metros de miños que estaban sen identificar, 36 nasas e preto de 70 quilos de peixe e marisco.

Na provincia da Coruña tamén se rexistraron comisos na ría de Muros-Noia, onde os axentes requisaron 88 útiles, a maioría cacharros, e case tres quilos de marisco. Na ría de Corme e Laxe comisaron arredor de tres quilos de marisco e un viveiro, na de Ares-Betanzos dous aparellos e 400 metros de artes de enmalle e na da Coruña seis quilos de marisco e un útil.

A maiores, na provincia de Pontevedra os axentes realizaron diferentes controis. Na ría de Vigo requisaron 128 útiles, a maioría cacharros, e preto de 20 quilos de polbo, mentres que na ría de Pontevedra comisaron arredor de 90 quilos de marisco e cinco útiles.
 

Imaxes relacionadas