O DOG publica a resolución pola que os usuarios do transporte público poderán utilizar desde hoxe a totalidade dos asentos

Para garantir unha mobilidade segura, os viaxeiros deberán empregar a máscara e priorizar o pago con dispositivos electrónicos, como a tarxeta TMG, para evitar o contacto

Nos vehículos e embarcacións con asentos, poderase empregar a súa totalidade, deixando a máxima separación entre persoas cando o grao de ocupación o permita

Nos medios de transporte con prazas de pé, os usuarios manterán entre si a máxima distancia posible, coa referencia de dous viaxeiros por metro cadrado

A resolución atende ás novas disposicións dos Ministerios de Transportes e de Sanidade para compatibilizar a progresiva flexibilización das condicións de ocupación do transporte coas prioritarias garantías sanitarias

Santiago de Compostela, 9 de xuño de 2020

A Xunta publica no Diario Oficial de Galicia (DOG) a Resolución pola que os usuarios do transporte público poderán utilizar desde hoxe a totalidade dos asentos.

Para garantir unha mobilidade segura, os viaxeiros deberán empregar obrigatoriamente a máscara e priorizar o pago con dispositivos electrónicos, como a tarxeta TMG, para evitar o contacto.

No seguinte enlace ao DOG poderase ampliar a información relativa a esta Resolución: https://bit.ly/2UnnvpC

Nos vehículos e embarcacións que dispoñan de asentos, os viaxeiros poderán facer uso da súa totalidade, deixando a máxima separación entre as persoas, cando o nivel de ocupación o permita.

Nos medios de transporte con prazas de pé, as persoas deberán manter entre si a máxima distancia posible, fixando como referencia a de dous viaxeiros por cada metro cadrado na zona habilitada para viaxar de pé.

A resolución atende ás novas disposicións establecidas polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana e polo de Sanidade para flexibilizar certas limitacións na prestación dos servizos de transporte público. Estas medidas teñen como obxectivo compatibilizar a progresiva flexibilización das condicións de ocupación do transporte coas prioritarias garantías sanitarias.

Trátase de garantir unha mobilidade segura no transporte público, que está a rexistrar un incremento de usuarios nas últimas semanas co incremento paulatino dos desprazamentos dos cidadáns.

Imaxes relacionadas