A Xunta executa traballos de conservación e limpeza no treito interurbano do río Baa, no concello de Mugardos

As tarefas están a desenvolverse nun tramo de 400 metros ao seu paso polo lugar de Boado, na parroquia de Franza

As actuacións céntranse na retirada de árbores e de madeira morta na canle

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade mantén activas as actuacións para a mellora dos leitos fluviais e para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos

Santiago de Compostela, 7 de xuño de 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, está a executar os traballos de conservación e limpeza no treito interurbano do río Baa, ao seu paso polo concello de Mugardos.

Estas tarefas estanse a desenvolver nun tramo duns 400 metros de lonxitude, que coincide co percorrido do río polo lugar de Boado, na parroquia de Franza (Santiago).

As principais tarefas consisten na retirada de árbores e de madeira morta na canle do río e, puntualmente, tarefas de roza selectiva no ancho da canle.

Estas accións enmárcanse no programa de mantemento, conservación e mellora que realiza Augas de Galicia no dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa, no ámbito territorial da zona Galicia-norte.

A Xunta de Galicia mantén así activas as actuacións para a mellora dos leitos fluviais e para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos.