A Xunta executa traballos de conservación e limpeza no treito interurbano dos ríos Gundar, San Amedio, Soesto, Traba e Vao, no concello de Laxe

As tarefas desenvólvense en distintos tramos destes ríos ao longo de máis de 18 quilómetros, nas parroquias de Sarces, Nande, Soesto, Traba e Serantes

Procederase á retirada de árbores e da madeira morta na canle
 

Santiago de Compostela, 6 de xuño de 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, está a executar os traballos de conservación e limpeza no treito interurbano dos ríos Gundar, San Amedio, Soesto, Traba e Vao, ao seu paso polo concello de Laxe.

Estas tarefas estanse a desenvolver en distintos treitos destes ríos, ao longo de máis de 18 quilómetros de lonxitude, que coinciden co percorrido destes ríos por varios lugares das parroquias de Sarces, Nande, Soesto, Traba e Serantes.

As principais tarefas consisten na retirada de árbores e pólas caídas ou rotas á canle, así como de madeira morta e, puntualmente, roza selectiva no ancho da canle.

Estas accións enmárcanse no programa de mantemento, conservación e mellora que realiza Augas de Galicia no dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa, no ámbito territorial da zona Galicia-norte.

A Xunta mantén así activas as actuacións para a mellora dos leitos fluviais e para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos.