A Xunta inviste cerca de 6 millóns de euros para mercar máis material sanitario de protección para profesionais e pacientes fronte á covid-19

Feijóo expón a posta en marcha do programa para o control da Covid-19 nos efectivos da policía local dos concellos galegos

Santiago de Compostela, 5 de xuño de 2020

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, confirmou hoxe na rolda de prensa do Consello un investimento de preto de 6 millóns de euros para mercar máis material sanitario de protección para profesionais e pacientes fronte á covid-19.

Este orzamento destinarase á adquisición de algo máis de 54 millóns de luvas de exame de nitrilo e vinilo; preto de 265.000 máscaras FFP2; de 64.500 máscaras FFP3; de 1.500 kits de detección do virus; e para a compra de medios de transporte para o virus, “material que necesitamos ter depositado ante posibles eventualidades e porque as máscaras e as luvas se utilizan de forma masiva en todos os hospitais, nos centros de saúde e nas residencias da terceira idade e de discapacidade”, incidiu.

Ademais destes case 6 millóns de euros, tamén se aprobou a contratación de diversas subministracións de investimentos na área sanitaria da Coruña e Cee para facer fronte á pandemia. Son máis de 500.000 euros para, entre outras cousas, a ampliación de unidades de críticos e a adaptación de servizos de urxencias, e o dispositivo extraordinario de atención de emerxencia.

Test serolóxicos a todos os efectivos da policía local dos concellos galegos

O presidente da Xunta destacou tamén a sinatura dun convenio, entre a Vicepresidencia da Xunta, o Sergas e a Federación Galega de Municipios e Provincias, para a posta en marcha do programa para o control da Covid-19 nos efectivos da policía local dos concellos galegos, que se suma á Policía Nacional e á Garda Civil.

“Os tests de dobre banda se poñen a disposición dos 2.500 policías locais da Comunidade autónoma”, dixo. No caso de que nestes test se detecten casos positivos, procederase a facer unha proba PCR.

Imaxes relacionadas