Conde destaca que a economía social será un motor da reactivación económica polo seu compromiso coas persoas e o traballo inclusivo

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou esta tarde no III Foro Medrando Xuntas que reuniu, de xeito telemático, a un centenar de mulleres vinculadas á economía social galega

Subliña que as mulleres están a marcar o ritmo xa que representan máis do 57% da actividade emprendedora en Galicia
 

Santiago de Compostela, 5 de xuño de 2020

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou esta tarde no III Foro Medrando Xuntas que se celebrou en liña coa asistencia dun centenar de mulleres da economía social galega. Conde destacou que este modelo será un motor da reactivación económica polo seu compromiso coas persoas e co traballo inclusivo.

De feito, o Foro afondou sobre como aproveitar o momento actual para moldear en conxunto un futuro mellor. Ademais, creouse un espazo de conversa entre as participantes e a Administración. A través de diferentes dinámicas, as participantes reflexionaron e debateron sobre recursos, ferramentas e sensacións para afrontar o futuro trala covid-19 desde as súas empresas e tamén desde un punto de vista máis persoal. O conselleiro trasladoulles a aposta que desde o Goberno autonómico se está realizando pola conciliación e polo teletraballo para facilitar o día a día de emprendedores e traballadores, medidas que, de feito, teñen un papel destacado no Plan de reactivación económica presentado hoxe no Consello da Xunta.

Medrando Xuntas é un programa formativo da Xunta para fomentar o talento feminino nas entidades da economía social. Enmárcase no programa Emprega en feminino e na Estratexia de Economía Social de Galicia, que prevé a promoción do emprendemento feminino, a través do acceso das mulleres ao emprego e a formación específica para a capacitación directiva. A formación conta con dous itinerarios diferentes, un para mulleres con responsabilidades de goberno e dirección e outro para socias e traballadoras.

Conde destacou que as mulleres marcan o ritmo cando se fala de emprendemento na Comunidade liderando máis do 57% da actividade emprendedora galega. Ademais, nas cooperativas e sociedades laborais, as mulleres representan 4 de cada 10 socios.

Imaxes relacionadas