A Axencia Tributaria de Galicia anula débedas residuais en período executivo por ter un importe inferior a tres euros, tal como establece unha resolución publicada hoxe no DOG

A anulación de débedas residuais evita recadacións que ocasionan perdas para a facenda pública, e neste caso afecta a 999 débedas dun importe medio de 1,08 €

Santiago de Compostela, 5 de xuño de 2020.- O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe unha resolución da Axencia Tributaria de Galicia (ATRIGA) pola que se acorda a anulación e baixa en contabilidade de todas aquelas liquidacións que se encontren en período executivo e das cales resulte unha débeda pendente de recadar por un importe inferior aos tres euros.

A anulación de débedas residuais realízana de xeito periódico todas as administracións tributarias. O seu obxectivo é evitar actuacións recadatorias que supoñen unha perda para a facenda pública, xa que nestas liquidacións xéranse uns custos superiores aos recursos que potencialmente puidesen obterse coas mesmas.

As actuacións previstas na resolución publicada hoxe no DOG efectuaranse en relación coas liquidacións das cales resulte unha débeda pendente inferior á referida cantidade a 31 de decembro de 2019. Neste caso, suporá a anulación de 999 débedas que suman un total de 1.079,48 euros, é dicir, un importe medio de 1,08 euros por cada débeda anulada.