A Xunta adxudica por máis de 10,1 millóns de euros a elaboración do proxecto e a execución do novo emisario submarino da depuradora dos Praceres, na ría de Pontevedra

Este contrato ten un prazo de execución de 18 meses, 3 para a redacción do proxecto e 15 para a súa execución

O proxecto do emisario incorporou varias modificacións para dar solución ás cuestións suxeridas no proceso de información pública, o que supuxo un incremento de 2 millóns de euros no orzamento

O obxectivo é construír unha nova infraestrutura que separe os vertidos industriais e os residuais e que conte coas dimensións axeitada ás necesidades actuais e futuras

Esta actuación forma parte do Plan de saneamento da ría de Pontevedra, no que están xa executadas as obras de mellora do proceso de depuración, que comezarán este mes de xuño

Santiago de Compostela, 5 de xuño de 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de adxudicar a elaboración do proxecto e a execución das obras do novo emisario submarino da estación depuradora de augas residuais de Praceres, na ría de Pontevedra, por un importe de máis de 10,1 millóns de euros.

Esta obra hidráulica, declarada de interese da Comunidade autónoma no Plan hidrolóxico da demarcación hidrográfica de Galicia-Costa, foi adxudicada á empresa Copasa. Os traballos contan cun prazo de execución total de 18 meses, dos cales 3 son para a redacción de proxecto e 15 meses para execución das obras.

A actuación divídese en dúas partes: a obra terrestre, que se corresponde coa execución da cámara de carga e estación de bombeo a emisario, e o emisario submarino. As obras proxectadas darán servizo a unha poboación aproximada de 141.204 habitantes para o ano horizonte 2042.

Trátase de executar un novo emisario submarino que separe os vertidos industriais e os residuais e que conte coas dimensións axeitada ás necesidades actuais e futuras.

Este proxecto incorporou varias modificacións coa fin de dar solución ás cuestións suxeridas no proceso de información pública, o que supuxo un incremento duns 2 millóns de euros no orzamento.

Neste sentido, modifícase a localización da cámara de carga e da estación de bombeo a fin de reducir o seu impacto visual, deixando libre a fachada litoral. E tamén se incrementa a lonxitude do tramo inicial no túnel do emisario de cara a non afectar aos bancos marisqueiros a pé de Praceres, sen que esta medida implique un incremento do volume de escavación.


A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade ten xa adxudicadas a Acciona Construcción, SA & Acciona Agua, SA as obras de mellora do proceso de depuración da estación depuradora de augas, por un importe duns 13 millóns de euros. Os traballos comezarán neste mes de xuño.

Estas actuación dan cumprimento aos compromisos adquiridos coa UE, forman parte do Plan de saneamento local elaborado tras unha exhaustiva análise do actual sistema que foi dialogado cos concellos e cos mariscadores da ría.

O saneamento da ría de Pontevedra é unha das principais prioridades para os próximos anos en materia de actuacións hidráulicas. Con estas actuacións séguese a traballar na recuperación de zonas degradadas pola contaminación da costa, xa que redundan na mellora da calidade de vida da poboación asentada no entorno da ría, contribúen a aumentar a competitividade económica e ao fomento do turismo e melloran a produtividade no sector marisqueiro.

Esta actuación cofinánciase pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional nun 80%, no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2014/2020.