A Xunta licita por 760.000 euros a rehabilitación da casa reitoral de Vilasantar como novo albergue de peregrinos

O delegado territorial participou nunha videoconferencia co alcalde de Vilasantar para presentar o proxecto, coincidindo co inicio da contratación

A actuación permitirá recuperar este inmoble de gran valor patrimonial, integrado no santuario da Nosa Señora da Laxe, unha edificación do século XVI

Realizarase unha nova distribución de espazos e actuacións de eficiencia enerxética e recuperaranse espazos como a antiga lareira ou lavadoiro de pedra

Trátase dunha das accións contempladas no Plan de Albergues do Goberno galego para a reforma e diversificación da rede pública

A Coruña, 05 de xuño de 2020

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, participou esta mañá nunha videoconferencia co alcalde de Vilsantar, Fernando Pérez para anunciar que, hoxe mesmo, a Xunta de Galicia licitará por 759.791 euros a rehabilitación da casa reitoral de Vilasantar para convertela nun novo albergue a disposición dos peregrinos que percorren o Camiño do Norte.

O establecemento, que se atopa integrado no conxunto do santuario da Nosa Señora da Laxe, terá unha superficie de 325 metros cadrados e contará con 30 novas prazas, dúas delas para persoas con mobilidade reducida. Trátase dun dos proxectos contemplados o Plan de Albergues do Goberno galego para a reforma e diversificación dos establecementos rede pública coa vista no Xacobeo 2021.

Segundo recolle o proxecto, realizarase unha nova distribución de espazos, actuacións de eficiencia enerxética así como accións de rehabilitación e restauración de elementos de valor patrimonial. No que atinxe á mellora eficiencia enerxética, un dos obxectivos do Plan de Albergues, procederase á rehabilitación das envolventes da edificación, readaptando a distribución interior ás necesidades e recuperando aqueles elementos esenciais na definición da súa arquitectura como a antiga lareira, o lavadoiro de pedra ou os muros de pedra.

Do mesmo xeito, realizarase unha nova distribución de espazos conservando os muros de pedra e os ocos da casa reitoral, apostando pola recuperación daqueles elementos estruturais que compoñen os forxados de madeira, en bo estado de conservación.

O novo albergue disporá de dúas plantas. Na planta baixa situarase a zona de recepción e atención ao peregrino, a zona de lecer, cociña e comedor, así como un dormitorio con baño adaptado a persoas con mobilidade reducida e un cuarto de limpeza. Na edificación auxiliar instalarase unha zona de servizos, ademais dun cuarto para bicicletas. Na planta alta desenvolveranse a zona de dormitorios, con dúas estancias amplas para aloxar aos peregrinos e aseos para ambos sexos. O prazo de execución das obras será de doce meses.

Unha rede en crecemento

Ovidio Rodeiro lembrou que “o Plan de albergues da Xunta de Galicia recolle entre os seus obxectivos a rehabilitación e posta en valor de edificios de valor patrimonial e histórico como a casa reitoral de Vilasantar, integrada no santuario da Nosa Señora da Laxe, unha edificación do século XVI. O edificio conta cunha planta de cruz latina e aínda a día de hoxe conserva varias imaxes talladas polos recoñecidos escultores Juan Domínguez e Carlos Porto”.

Outro dos obxectivos deste plan é apostar por un Camiño sustentable, promovendo actuacións de fomento da eficiencia enerxética en todos os establecementos da rede pública e impulsando a Ruta Xacobea como exemplo de experiencia respectuosa co medio ambiente. Do mesmo xeito, esta folla de ruta inclúe melloras na accesibilidade da rede pública de albergues, promovendo actuacións de mellora das instalacións ou instalando elementos como pictogramas ou paneis informativos

Aposta polas diferentes rutas

O delegado territorial recalcou que “esta actuación permitirá incrementar a oferta aloxativa do Camiño do Norte, unha ruta que foi recoñecida como Patrimonio Mundial da Unesco no ano 2015 e que na actualidade conta con oito albergues da rede pública, que ofrecen un total de 279 prazas. Precisamente, a Xunta vén traballando no impulso e diversificación das diferentes rutas do Camiño a través de melloras no mantemento, sinalización, embelecemento ou na creación de albergues”.

Neste sentido, o ano pasado a Xunta de Galicia inaugurou na provincia da Coruña un novo albergue público situado no Camiño Inglés, no concello de Ordes. Este establecemento contou cun investimento de medio millón de euros e supuxo a creación de 40 prazas.

Imaxes relacionadas