A calidade do aire de Galicia o ano pasado foi boa, segundo os datos do informe anual elaborado pola Xunta

A información rexistrada pola rede de calidade do aire da comunidade indica que se cumpriron todos os requisitos fixados pola lexislación aplicable en materia de protección da saúde humana e dos ecosistemas fronte á contaminación atmosférica

A Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático fixo público hoxe o estudo con motivo do Día Mundial do Medio Ambiente

Santiago de Compostela, 5 de xuño de 2020

O estado global da calidade do aire en Galicia durante o ano pasado foi bo. Esta é a principal conclusión do informe elaborado a partir dos datos recollidos pola Rede de Calidade do Aire de Galicia ao longo de 2019 e que a Xunta fixo público hoxe con motivo do Día Mundial do Medio Ambiente.

Ao igual que en anos anteriores, o obxectivo deste estudo é dar a coñecer os resultados da avaliación da calidade do aire, derivada da presenza en Galicia de contaminantes atmosféricos e, máis concretamente, daqueles lexislados pola normativa de referencia comunitaria, española e galega. Para isto, compáranse as concentracións destes contaminantes cos limiares normativos. En función desta comparación, cada zona ou aglomeración clasifícase como zona por debaixo do limiar inferior de avaliación, por riba do valor límite ou entre ambos.

Atendendo ao marco normativo vixente en materia de protección da saúde das persoas e dos ecosistemas fronte a contaminación atmosférica, os valores de concentración rexistrados nas estacións que conforman a Rede Calidade do Aire de Galicia cumpriron ao longo de 2019 con todos os requisitos legalmente definidos para manter unha axeitada calidade do aire, tanto nas súas principais aglomeracións urbanas (A Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela, Pontevedra, Vigo, Lugo e Ourense), coma nas zonas rurais e industriais.

Concretamente, en ningunha das estacións da Rede superáronse os valores límite para a saúde de dióxido de xofre, óxidos de nitróxeno e dióxido de nitróxeno, monóxido de carbono e partículas PM10 e PM2.5. Tampouco se excedeu o valor obxectivo de ozono en ningunha das estacións de Galicia, nin en 2019, nin como media nos tres últimos anos.

Analizando a evolución da concentración dos distintos contaminantes desde o ano 2013, as conclusións do Informe Anual da Calidade do Aire de Galicia 2019 tamén son positivas. Así, para o dióxido de xofre -de procedencia principalmente industrial- detéctase unha clara melloría xa que o 99% da poboación galega se atopa por debaixo do limiar inferior de avaliación. No caso do dióxido de nitróxeno, en ningunha zona de Galicia respíranse concentracións deste contaminante por riba do limiar superior de avaliación.

En canto ás partículas contaminantes en aire ambiente, a situación mantense sen cambios respecto aos anos anteriores, de xeito que a peor calidade do aire se concentra nas cidades debido ao tráfico rodado aínda que a fracción de poboación exposta a niveis destes contaminantes por riba do limiar superior de avaliación é pequena.
Finalmente, a evolución do ozono, un contaminante moi complexo e que depende moito das condicións meteorolóxicas , rexistra unha lixeira melloría na avaliación dos últimos 3 anos.

Estacións e metodoloxía de análise

A Rede de Calidade do Aire de Galicia componse de 48 estacións de control fixas e móbiles de titularidade pública (15) e privada (33) e con distintas tipoloxías: urbanas, industriais, rurais e de fondo. Estas estacións cumpren diferentes funcións, dependendo da súa situación e da poboación á que representan.

Nelas empréganse analizadores automáticos para a medida dos distintos contaminantes en aire ambiente -os principais son o dióxido de xofre, o dióxido de nitróxeno, o monóxido de carbono, o ozono, e o material particulado PM10 e PM2.5- que emiten un dato cada 10 minutos e son recibidos en tempo real polo persoal da Rede, dependente da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

Os técnicos tamén teñen establecido un sistema de seguimento das estacións privadas para que subministren a información referente á calidade do aire cos mesmos estándares de calidade que as instalacións públicas, é dicir, os esixidos na normativa.

Aínda que no ano 2019 non houbo altas nin baixas nas estacións que compoñen a Rede, si que se incorporaron 17 pantallas dixitais en diferentes concellos co fin de mellorar a información á poboación na área da calidade do aire e a meteoroloxía.

A incorporación destas novas pantallas así como a renovación tamén en 2019 da certificación de calidade ISO da Rede de Calidade do Aire enmárcanse no obxectivo da Xunta de seguir mellorando a cobertura xeográfica dos datos de contaminantes no aire ambiente e polo tanto, tamén a información que subministra aos cidadáns en relación con este parámetro. De feito, Galicia mantén desde hai anos unha boa calidade do aire e conta cun dos mellores sistemas de control e vixilancia de toda España, grazas a un proceso continuo de renovación e mellora da súa rede.

Ademais, todas as accións da Xunta nesta dirección irán coordinadas desde agora coa Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía 2050 e coa Estratexia Galega de Economía Circular 2020-2030, aprobadas a finais do ano pasado e que contemplan moitas medidas cunha influencia directa ou indirecta sobre a calidade do aire.

Imaxes relacionadas