O titular do Goberno galego reuniuse esta mañá co comité, que finaliza o seu traballo co cuarto e último documento sobre a reactivación económica

Feijóo destaca e agradece as achegas do comité de expertos económicos e o seu compromiso con Galicia para que a pandemia sanitaria non conleve unha profunda pandemia económica e social

Recorda que ao longo destes meses os expertos económicos plasmaron as súas propostas centradas en catro ámbitos: liquidez, relacións laborais, solvencia para as empresas e as actividades económicas, e proposta de dinamización da economía

O cuarto documento inspira o plan que o Consello aprobará mañá na súa reunión ordinaria; “é dicir, as políticas económicas, industriais e sociais do Goberno de Galicia para a reactivación e a dinamización económica”, subliña

“A información que nos chega doutras partes de España é que non se optou por este modelo, por abrirse ao capital humano da comunidade autónoma; e polo tanto, Galicia nisto está liderando, está anticipándose ao que fan outros, e isto é moi importante”, asevera o coordinador do comité, Santiago Lago

Santiago de Compostela, 4 de xuño de 2020

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou e agradeceu hoxe as achegas do comité de expertos económicos e o seu compromiso con Galicia para que a pandemia sanitaria non conleve unha profunda pandemia económica e social. “Agradecer a todos os seus membros o seu traballo para elaborar, tras unha diagnose da situación, unhas propostas e uns tratamentos económicos que o Goberno galego ten á súa disposición e que está a utilizar para elaborar a súa estratexia”, abundou, incidindo na importancia de rodearse “dos mellores, dos que máis experiencia e coñecemento atesouran”, para adoptar boas decisións.

Logo de subliñar que coa reunión desta mañá, na que se deu conta do cuarto e último documento, finaliza o traballo deste comité, Feijóo recordou que ao longo destes meses os expertos económicos plasmaron as súas propostas centradas en catro ámbitos: liquidez, relacións laborais, solvencia para as empresas e as actividades económicas, e proposta de reactivación e dinamización da economía de Galicia, a través duns documentos que, a medida que se foron elaborando, foron postos á disposición do diálogo social e do Goberno central.

Pola súa banda, o coordinador do comité, Santiago Lago, incidiu no momento extraordinario e cheo de incertezas que se está a vivir e no que, máis que nunca, fai falta que se traballe de xeito unido. Ao respecto, resaltou a receptividade da Xunta ás propostas do comité, contidas nos catro documentos que, integrados nun informe global, estarán á disposición de todo o mundo a partir do vindeiro luns.

“Traballamos moito, pero vemos que o noso traballo está sendo e vai ser tido en conta, e iso reconforta o noso esforzo”, salientou.

Así mesmo, Lago valorou a creación do comité e o traballo realizado por todos os membros. “Somos líderes en España en facer isto. A información que nos chega doutras partes de España é que non se optou por este modelo, por abrirse ao capital humano da comunidade autónoma; e polo tanto, Galicia nisto está liderando, está anticipándose ao que fan outros, e isto é moi importante”, aseverou.

Cómpre salientar que a primeira decisión que tomou Galicia foi a de activar un fondo para complementar os fondos ICO, que neste momento están practicamente esgotados. Xunto a Asturias, foi unha das dúas primeiras comunidades en poñer á disposición un anticipo para aquelas persoas que estaban pendentes de cobrar o ERTE.

Ademais, a Comunidade subscribiu unha liña de tesourería para seguir mantendo os pagos aos provedores da Xunta nunha media de 15 días; e adiantou axudas da PAC e outras subvencións e transferencias que estaban pendentes.

No tocante ás relacións laborais, Galicia propuxo a flexibilidade dos ERTE e incidiu na necesidade de adoptar medidas para facilitar o financiamento das empresas, reforzando a solvencia das compañías e o seu crecemento a través de diferentes instrumentos financeiros.

E finalmente, o cuarto documento inspira o plan que o Consello aprobará mañá na súa reunión ordinaria; é dicir, as políticas económicas, industriais e sociais do Goberno de Galicia para a reactivación e a dinamización económica.

Imaxes relacionadas