A Xunta notifica a trece entidades locais da provincia de Ourense que contarán con axuda para contratar persoal nas oficinas de turismo

A Consellería de Cultura e Turismo mantén o seu compromiso reformulando unha das liñas de subvencións que tivo que ser reformulada por mor da alerta sanitaria

As entidades beneficiarias: dúas mancomunidades, un consorcio e dez concellos recibirán 5.500€ para reforzar o persoal das súas oficinas de turismo, xerando emprego e ofrecendo un servizo de calidade

Ourense, 4 de xuño de 2020

A Xunta de Galicia notificou a trece entidades locais da provincia de Ourense que poderán optar ás axudas de preto de 72.000 euros que o Goberno galego viña reservando nos últimos anos para a contratación de persoal durante o verán no marco das súas habituais liñas de apoio.

A delegada territorial da Xunta en Ourense explica que na provincia contarán con estas axudas dúas mancomunidades, a de municipios da comarca de Verín e a turística de concellos do Carballiño, Ribadavia, Boborás e Leiro; o consorcio Turismo Ribeira Sacra; e os concellos de Allariz, O Carballiño, Celanova,Nogueira de Ramuín, Monterrei, Parada de Sil, A Pobra de Trives e A Veiga.

Tendo en conta que a liña de subvencións convocada en febreiro pola Xunta de Galicia tivo que ser paralizada con motivo da crise sanitaria da covid-19, retómase agora a través dunha nova fórmula administrativa para cooperar cos concellos que solicitaron esta axuda e reforzar o persoal das súas oficinas de turismo.

A nivel autonómico poderán beneficiarse os 53 concellos, municipios turísticos, xeodestinos ou agrupacións de concellos que o solicitaron. Cada solicitante recibirá 5.500€, o que supón un investimento total de 291.500 euros que se repartirá por toda a Comunidade, xa que ademais dos beneficiarios ourensáns, 12 concellos ou entidades municipais pertencen á provincia da Coruña, 14 á de Lugo e 14 á de Pontevedra.

Díaz Mouteira indica que con esta medida búscase, en liña co previsto no Plan de Reactivación do sector turístico, fomentar o emprego, así como a colaboración cos concellos a través da contratación de persoal cualificado e profesionalizado que contribúa a blindar a calidade na atención turística no territorio galego.