A Xunta inicia as obras de instalación de dous semáforos de control de velocidade na estrada AC-301 ao seu paso polo concello de Rois

Os traballos, adxudicados por un importe de máis de 34.000 euros, contan cun prazo de execución de 1 mes

A actuación mellorará a seguridade viaria na intersección en cambio de rasante desta estrada coa vía provincial

Instalarase un semáforo por sentido de circulación, cun sensor de velocidade con cambio a vermello ao superar os vehículos os 50 km/h
 

Santiago de Compostela, 4 de xuño de 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de iniciar hoxe as obras para a instalación de dous semáforos de control de velocidade na estrada de titularidade autonómica AC-301 ao seu paso polo concello de Rois.

Esta intervención está a ser executada pola empresa Eulogio Viñal Obras y Construcciones, S.A., foi adxudicada por un importe de máis de 34.000 euros e conta cun prazo de execución estimado de 1 mes.

Trátase dunha actuación que reforzar a seguridade viaria da zona, tanto de peóns como de vehículos. Nesta estrada existe unha intersección en cambio de rasante coa estrada provincial DP-3302, con risco de accidentalidade por exceso de velocidade.

Para dar solución a esta problemática, instalarase no punto quilométrico 3+650, un semáforo por sentido de circulación, cun sensor de velocidade, con cambio a vermello cando os vehículos superen os 50 km/h.

O sistema de control de velocidade lévase a cabo mediante dous sensores instalados aproximadamente a 100-150 metros a rentes de asfalto que detectan a velocidade que leva cada vehículo. Deste xeito, se ao pasar o vehículo a súa velocidade é superior a 50 km/h o semáforo poñerase en vermello e o vehículo deterase. No caso contrario, o semáforo estará en ámbar e o vehículo poderá seguir circulando.
 

Imaxes relacionadas