A Consellería de Educación adxudica por 656.000 € a obra de rehabilitación enerxética do CEIP do Carballal (Marín)

O obxectivo é realizar os traballos durante o verán e telos listos para o inicio do novo curso

Pontevedra, 4 de xuño de 2020

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional acaba de publicar na plataforma Contratos de Galicia a adxudicación da rehabilitación enerxética do CEIP do Carballal (Marín) por un importe de 656.817,04 €. O prazo de execución dos traballos, que se prevé realizar durante o verán, é de dous meses e medio. O obxectivo é telos rematados para o inicio do novo curso.

As actuacións centraranse na mellora da eficiencia enerxética do centro, a través da colocación na fachada de illamento exterior continuo tipo SATE de poliestireno expandido EPS. Así mesmo instalaranse fiestras novas de carpintería de aluminio con rotura de ponte térmica e vidro dobre baixo emisivo, e novas persianas de lamas de aluminio inxectadas con espuma de poliuretano para mellora do seu illamento térmico. Todas estas medidas combinadas supoñen un aforro enerxético anual do 24,19% en consumo de enerxía primaria e do 26,52 % en emisións de CO2.

A maiores realizaranse melloras nos revestimentos e carpintería interior e repararanse e pintaranse os paramentos interiores.