O DOG publica a orde pola que se iniciará o 15 de xuño o novo sistema de chamamentos por citación electrónica para a bolsa de emprego temporal da Xunta

Este sistema substitúe ao correo postal e estará operativo ao 100% o 15 de outubro

Santiago de Compostela, 4 de xuño de 2020

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde da Consellería de Facenda pola que se regula a posta en marcha do proxecto piloto do sistema de citacións electrónicas para a bolsa de emprego temporal da Xunta de Galicia. Este novo sistema comezará a aplicarse o 15 de xuño e estará plenamente operativo o vindeiro 15 de outubro.

O novo sistema, que substituirá ao correo postal, aplicarase no nomeamento de persoal interino para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a funcionarios e tamén na contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia.

Tal como establece a orde do DOG, as categorías profesionais nas que se aplicará este proxecto piloto son as de educador/a-profesor/a especial (grupo II, categoría 6), camareiro/a-limpador/a e outros (grupo V, categoría 1) e limpador/a e outros (grupo V, categoría 11) e circunscribirase aos ámbitos de ditas listas da provincia de Pontevedra.

Acceso desde o móbil

A través deste novo sistema de chamamentos, as persoas integrantes das listas de contratación temporal poderán acceder directamente desde o seu móbil ao sistema de citacións e coñecer, seleccionar e validar directamente os postos ofertados. Tamén poderán coñecer a data e hora na que se realizará a adxudicación dos postos e poderán descargar a súa credencial de ser seleccionados.

Imaxes relacionadas