Galicia súmase ás rexións marítimas europeas na definición das necesidades dos sectores marítimo-pesqueiro e da acuicultura fronte á crise do coronavirus

A secretaria xeral técnica da Consellería do Mar participou nunha reunión telemática da Conferencia de Rexións Periféricas e Marítimas co presidente da Comisión de Pesca do Parlamento Europeo

A comunidade galega advertiu da necesidade de articular unha cantidade económica maior no futuro Fondo Europeo Marítimo e de Pesca 2021-2027 para garantir a competitividade do sector ante a alerta sanitaria da covid-19

Isabel Concheiro destacou que o Executivo galego traballou desde o primeiro momento para que o sector estivese protexido tanto a nivel sanitario como a nivel económico e sinalou que actualmente Galicia traballa na elaboración de ordes de achegas de apoio ao sector

Santiago de Compostela, 4 de xuño de 2020

A secretaria xeral técnica da Consellería do Mar, Isabel Concheiro, participou nos últimos días nunha reunión telemática da Conferencia de Rexións Periféricas e Marítimas (CRPM) con varias entidades europeas e co presidente da Comisión de Pesca do Parlamento Europeo, Pierre Karleskind, na que explicou as necesidades dos sectores marítimo-pesqueiro e da acuicultura de Galicia e as medidas adoptadas neste eido fronte á crise do coronavirus.

Na súa intervención Isabel Concheiro advertiu da necesidade de articular unha cantidade económica maior dentro do futuro Fondo Europeo Marítimo e de Pesca 2021-2027 con posibilidade de adianto coa finalidade de facer fronte ás axudas necesarias para garantir a dinamización e a competitividade do sector nesta nova sociedade e mercado derivada da alerta sanitaria da covid-19. Isto, subliñou a secretaria xeral, exixirá un traballo extraordinario do Parlamento, o Consello e a Comisión europeos para poñelo en marcha canto antes.

Ademais fixo fincapé na conveniencia de ver como impactan na industria pesqueira outras medidas e proxectos que están en marcha tendo en conta a importancia de que deben equilibrar os aspectos ambientais, económicos e sociais, en referencia ás propostas formuladas pola Comisión para a Estratexia da Biodiversidade e outras.

En relación ao labor realizado por Galicia no ámbito do mar desde o inicio da alerta sanitaria do coronavirus, Isabel Concheiro destacou que o Executivo galego traballou desde o primeiro momento para que o sector estivese protexido tanto a nivel sanitario como a nivel económico.

Ademais, engadiu que actualmente Galicia está a traballar na elaboración de ordes de achegas de apoio ao sector co apoio do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca e con fondos propios. Neste sentido, agradeceu o esforzo realizado pola Unión Europea para activar posibilidades extraordinarias dentro dese fondo. Non obstante, expuxo, Galicia defende unha maior flexibilidade na concesión de axudas para atender a outras actividades conexas e necesarias para a saída do sector marítimo-pesqueiro.

De cara ao futuro, explicou a secretaria xeral técnica, e tendo en conta que a sociedade exixirá dunha reformulación da forma de comprar, é necesario pensar como se poderán aplicar as novas fórmulas de comercio aos mercados do mar e como se pode acomodar a nova fórmula de traballo á xestión da pesca, en especial no relativo ás cotas e á organización da actividade.

A maiores lembrou que ao inicio da alerta sanitaria a Consellería do Mar emitiu recomendacións e indicacións para desenvolver o traballo seguro nos barcos, no marisqueo e nas lonxas. Tamén distribuíu medios de protección para os profesionais e avanzou na realización de test de detección da covid-19.

No eido económico, lembrou a secretaria xeral, Galicia traballou na dotación de liquidez ás empresas mediante liñas de crédito, aprazamento de impostos e a axilización de pagos das axudas. Tamén activou campañas de estímulo de consumo de produtos do mar para animar á cidadanía a consumir produtos do mar e agradecer así o esforzo e a entrega dos mariñeiros, un sector esencial para o subministro de alimentos.

A videoconferencia

A videoconferencia co presidente da Comisión de Pesca do Parlamento Europeo na que participou Galicia a través da secretaria xeral técnica da Consellería do Mar estivo centrada na aplicación das medidas adoptadas a nivel europeo para modificar o Fondo Europeo Marítimo e de Pesca e os regulamentos de axudas estatais nas rexións membros da CRPM. Tamén tiña como obxectivo expor as medidas aplicadas polas rexións e as necesidades relacionadas co apoio por parte da Unión Europea. Ademais de Galicia, as outras rexións que participaron nela son Sicilia, Flevoland, Tulcea e a rexión dos Países do Loira.

A Conferencia de Rexións Periféricas Marítimas nace no 1973 e reúne a máis de 150 rexións de 24 estados da Unión Europea e doutros países. Ten entre os seus obxectivos o desenvolvemento máis equilibrado do territorio europeo e orienta a súa acción cara a toma en consideración das necesidades e dos intereses das súas rexións membro nas políticas de grande impacto territorial. Céntrase principalmente na cohesión social, económica e territorial, as políticas marítimas e o crecemento azul e a accesibilidade. Tamén son áreas da súa actividade a gobernanza europea, a enerxía, o cambio climático, a vecindade e o desenvolvemento.

Imaxes relacionadas