O CCVV inicia a licitación para as obras de rehabilitación de Berbés 29 e San Francisco 15 por 1,5 millóns de euros

A presidenta do Consorcio Casco Vello e delegada territorial da Xunta, Corina Porro, sinala que se intervirá sobre unha superficie útil superior aos 1.000 metros cadrados

Esta nova operación permitirá aumentar en seis as novas vivendas, dous delas tipo dúplex e un triplex, das que disporá o barrio histórico, así como outro local comercial

A actuación na edificación de Berbés 29 suporá unha das maiores intervencións acometidas por este organismo no barrio mariñeiro vigués desde a súa creación
 

Vigo, 4 de xuño de 2020

A presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV) e delegada territorial da Xunta de Galicia, presidiu hoxe por videoconferencia o Comité Executivo do ente rehabilitador que deu o seu visto e prace á licitación de dous novos proxectos no barrio histórico de Vigo. Unha operación que suporá a rehabilitación por un importe de 1,5 millóns de euros das edificacións da rúa Berbés 29 e San Francisco 15.

Segundo informou, esta operación suporá unha intervención sobre uns 1.000 metros cadrados de superficie útil e permitirá aumentar en seis as novas vivendas nesta zona, así como dispor doutro local comercial.

Xa máis polo miúdo, a representante autonómica sinalou que a intervención en Berbés 29 afecta en realidade á agrupación de tres edificios –Berbés 29, Berbés 31 e Poboadores 40- adquiridos no seu día polo CCVV o que suporá unha das maiores intervencións acometidas por este organismo no barrio mariñeiro vigués. Dará lugar a unha edificación cunha superficie total construída de 795,70 metros cadrados distribuídos en sete niveis, con catro vivendas e un local comercial. O orzamento básico de licitación neste caso é de máis de 1.127.360 euros.

Pese a súa consideración como unha única intervención, o proxecto -elaborado polo estudo do arquitecto Javier Vázquez Fernández- sinala como un dos seus puntos básicos o mantemento da diferenciación dos edificios que a configuran, a fin de manter a súa integración na peculiar contorna urbanística do Berbés. Para iso respectaranse os accesos desde as dúas rúas cara ás que abre as súas fachadas esta promoción. Deste modo, lógrase a integración vertical das vivendas, zonas comúns e zona comercial a través dun ascensor e unhas escaleiras interiores que permitirán salvar o importante desnivel entre a entrada pola praza do Berbés e a da rúa Poboadores.

O respecto á tipoloxía das fachadas propias do leste tradicional do barrio vigués é outro dos elementos tidos en conta no proxecto, segundo destacou Corina Porro. Para iso conservarase o característico soportal mariñeiro da planta baixa e recuperarase un oco cegado na planta primeira, adaptándose os traballos de cantería e carpintería necesarios para a recuperación do conxunto aos condicionantes establecidos polo PEPRI do Casco Vello.

En canto á distribución da planta baixa, situada ao nivel da Praza do Berbés, aloxará zonas comúns e un local comercial de 77,10 metros cadrados . Na primeira planta estarán situados catro rochos, zonas comúns e unha vivenda de 97,35 metros cadrados, dotada cun dormitorio e un baño. As plantas segunda e terceira aloxarán unha vivenda cada unha delas, ambas de dous dormitorios e dous baños e unha superficie de 135,75 e 112,5 metros cadrados respectivamente. A última das vivendas será un triplex de 98,80 metros cadrados, tamén dotado con dous dormitorios e dous cuartos de baño, que se distribuirá entre as plantas cuarta, quinta e sexta.

San Francisco 15

A segunda das intervencións corresponde a San Francisco 15, un edificio adquirido en setembro de 2018 e que debido ao seu mal estado de conservación tivo que ser baleirado, manténdose tan só en pé na actualidade as dúas fachadas frontais cara ás rúas San Francisco e Poboadores, a fachada lateral cara a un canellón con escaleiras que comunica as citadas vías e a parede medianeira.

Esta actuación exponse cun orzamento base de licitación de 369.812,05 euros para, de acordo co proxecto elaborado polo arquitecto Rafael Cabeza Rey-Stolle, dará lugar a dúas novas vivendas tipo dúplex, con acceso independente para cada unha delas, distribuídas entre a planta baixa e os tres niveles superiores do edificio, tal e como subliñou a presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo.

Ambas as vivendas divídense nunha zona de día, situadas nas plantas inferiores e onde se atoparán un salón-comedor-cociña, un aseo e un lavadoiro- tendal, e zona de noite formada por tres dormitorios e un baño e situadas nas plantas superiores.

A vivenda A, distribuída entre a planta baixa e a primeira altura, terá unha superficie útil de 110,84 metros cadrados e á mesma accederase polo lateral do edificio. A denominada vivenda B, á que se accederá desde a rúa Poboadores, ten unha distribución similar e unha superficie útil de 119,74 metros cadrados. Ambas contarán, ademais, cun pequeno balcón.