A Xunta adxudica as obras de mellora do firme na estrada autonómica PO-302, ao seu paso polo concello de Vilanova de Arousa

Esta intervención, cun investimento de case 47.000 euros, conta cun prazo de execución de 1 mes e comezará nas vindeiras semanas

Actuarase no tramo comprendido entre a Casa do Concello e o final da estrada, que soporta unha elevada intensidade de vehículos pesados relacionados coa descarga de mexillón no porto da vila

Os traballos desenvolveranse primeiro nun dos carrís e logo no outro, polo que non será necesario o peche total do tramo á circulación

Santiago de Compostela, 3 de xuño de 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de adxudicar as obras de mellora da capa de rodadura e reforzo de firme localizado na estrada autonómica PO-302, entre os puntos quilométricos 1+230 e 1+580, ao seu paso polo municipio de Vilanova de Arousa.

Esta actuación, adxudicada á empresa Covsa por un investimento de case 47.000 euros, contará cun prazo de execución de 1 meses e comezará nas vindeiras semanas.

Trátase do tramo de estrada comprendido entre a Casa do Concello e o final da estrada, que soporta unha elevada intensidade de vehículos pesados, xa que polo mesmo circulan, entre outros, todos os vehículos que transportan o mexillón que se descarga a través do porto da vila.

Os traballos consistirán na mellora do firme da calzada mediante o fresado da capa de rodadura en todo o ancho do carril, para a continuación proceder á reposición do firme con aglomerado de mestura en quente, que se estenderá en zonas ocupando todo o carril completo.

Unha vez estendida a mestura, procederase ao recrecido dos pozos ata alcanzar o nivel da rasante definitiva.

Nos tramos en que se realice o estendido procederase a repintar toda a sinalización horizontal, en especial as bandas lonxitudinais.

Para o desenvolvemento desta intervención, actuarase primeiro nun dos carrís e logo no outro, polo que non será necesario o peche total do tramo á circulación.