Un total de dezasete empresas presentan as súas ofertas para executar as obras de demolición da actual terminal de autobuses de Ourense

A actuación, licitada por máis de 523.000, ten un prazo de execución de 4 meses

Os traballos comezarán unha vez concluídas as obras da nova terminal de autobuses no barrio da Ponte e se traslade a ela a actividade

A intervención deixará despexado o espazo da actual estación, que será aproveitado para dotar a zona dunha residencia da terceira idade
 

Santiago de Compostela, 3 de xuño de 2020.- Un total de dezasete empresas veñen de presentar as súas ofertas para executar as obras de demolición da actual terminal de autobuses de Ourense. Esta actuación da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade foi licitada por máis de 523.000 euros e conta cun prazo de execución de 4 meses.
Os traballos de demolición comezarán cando conclúan as obras da nova estación de autobuses intermodal no barrio da Ponte, que se están a executar e que estarán rematadas a finais de verán, e cando se traslade á nova estación a actividade.
A actual estación de autobuses foi construída hai máis de 30 anos. Dadas as súas condicións e tendo en conta o custo que suporía a súa adecuación a outro uso, así como a inconveniencia de deixar un edificio destas dimensións desocupado nunha zona urbana, a Xunta decidiu redactar un proxecto de demolición.
O proxecto ten como obxectivo deixar despexado o solar e aproveitar este espazo para dotacións de carácter social, concretamente, para a construción dunha residencia da terceira idade.
Tras a desconexión exterior das acometidas, os traballos comezarán no interior co desmontado de mobiliario, carpinterías, elementos de fontanería, instalación eléctrica e o resto de instalacións. Unha vez completado o desmontado dos distintos elementos, procederase á demolición de tabiques, pavimentos e revestimentos. Unha vez completamente baleiros o andar baixo e o primeiro, procederase á demolición e desmonte das cubertas superiores.
Para efectuar esta intervención prevese principalmente o uso de retroescavadoras e grúas móbiles con acoples especiais de derribo, pero non se considera necesaria a realización de voaduras nin de microvoaduras.
As obras incluirán o acondicionamento posterior da parcela e a xestión dos correspondentes residuos xerados pola demolición.