A Xunta asinará convenios de colaboración para a prevención e loita contra incendios con 62 concellos da provincia de Lugo

O delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que a Consellería do Medio Rural destina 3 millóns de euros a financiar as brigadas municipais, as motobombas e o desbroce de case 6.000 hectáreas

As achegas permiten que 400 persoas traballen nestes equipos locais, formando parte dun operativo provincial que alcanza os 1.300 traballadores
 

Lugo, 2 de xuño de 2019

A Xunta de Galicia asinará convenios de colaboración con 62 concellos da provincia de Lugo para que este verán poidan contar de novo con operativos municipais de prevención e loita contra os incendios forestais. O investimento ascenderá a preto de 3 millóns de euros (2.944.857 euros).

O delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que a Consellería do Medio Rural ofrece a cada concello tres posibles convenios para financiar a contratación do persoal que conforma as brigadas municipais, ou ben o funcionamento das motobombas ou, por último, a realización de tarefas de desbroces.

Os concellos poden adherirse a todas ou algunha das modalidades. Na provincia obtiveron apoio todos os que o solicitaron: 26 concellos recibirán as tres liñas de financiamento e outros 36 decidiron sumarse a dúas ou unha das liñas propostas; non solicitaron convenios Lugo capital, A Pontenova, A Pobra de Brollón, Ribas de Sil e Rábade.

O investimento principal vai destinado a sufragar os custos salariais dos traballadores das brigadas. Así, 48 concellos lucenses constituirán en total 62 brigadas, cun orzamento do Goberno autonómico de case 1,7 millóns de euros (o 57,5% do total). Darán emprego a 308 persoas, que traballarán tanto en labores de prevención como de extinción. O seu principal obxectivo, ademais de servir de unidade de primeira intervención en caso de incendio, é a limpeza das faixas de xestión de biomasa en terreos forestais de titularidade municipal.

En relación con este propósito, a segunda liña de axudas vai destinada aos labores de roza para previr os incendios ou reducir os riscos en caso de que se produzan. Os propios concellos participantes indican no seu plan de traballo a superficie sobre a que van actuar, e sobre ese dato calcúlase a axuda que lles corresponde. Na presente campaña participan 54 concellos lucenses, que prevén limpar en conxunto 5.893 hectáreas cun orzamento de 766.705 euros (o 26%).

A terceira e última liña está pensada para garantir a operatividade das motobombas; adheríronse 35 concellos -con outros tantos vehículos-, que contratarán a un centenar de traballadores para este fin, cunha achega da consellería que suma 485.700 euros (o 16,5%).

O delegado territorial subliñou que estas liñas de cooperación cos concellos axudan a complementar os recursos propios da Xunta e as accións que se desenvolven no marco do Pladiga, o Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

Este ano, como nas últimas campañas, o operativo de verán na provincia de Lugo estará integrado por uns 1.300 efectivos, entre persoal da Xunta, dos concellos, e o persoal contratado para as brigadas helitransportadas.
 

Departamento:
C. do Medio Rural