A Xunta solicitalle ao Ministerio de Sanidade avanzar cara á Fase 3 da desescalada

O informe tamén incorpora a solicitude de mobilidade interprovincial entre as catro provincias galegas

A comunidade galega é o segundo territorio con menor taxa de letalidade tras Canarias

Santiago de Compostela, 2 de xuño de 2020

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, compareceu esta mañá en rolda de prensa telemática para anunciar que o Sergas vén de solicitarlle ao Ministerio de Sanidade o avance da comunidade galega cara á terceira fase da desescalada a partires da vindeira semana e a supresión dos límites de mobilidade entre as catro provincias galegas.

Acompañado polo director xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal, e máis o subdirector de Información sobre Saúde e Epidemioloxía, Xurxo Hervada, Almuiña comezou a súa intervención destacando a evolución favorable que segue a amosar a pandemia da covid-19 en Galicia, de acordo aos datos recollidos durante os últimos días.

Así, e tras lembrar que pasado mañá se cumprirán xa tres meses desde que se detectara o primeiro caso de coronavirus na comunidade galega, Almuiña apuntou que o novo informe trasladado pola Consellería de Sanidade ao Ministerio, inclúe un total de 159 páxinas nas que se detallan os diferentes indicadores que miden a evolución da pandemia da covid-19, e que deberan permitir pasar á seguinte fase da desescalada a Galicia.

O conselleiro puxo en valor a capacidade que posúe Servizo Galego de Saúde á hora de realizar probas de diagnose, explicando que até o pasado 11 de maio, levábanse realizadas 8.761 probas PCR nos centros de Atención Primaria, e 4.825 nos hospitais. Neste mesma liña, remarcou o incremento na capacidade de detección de novos casos do Sergas, puntualizando que segundo os datos epidemiolóxicos que se desprenden das probas, no transcurso dos últimos 16 días, o número de casos positivos rexistrados están en torno ao 1%.

O titular de Sanidade tamén destacou que nos últimos dous días non se produciron falecementos en Galicia e puxo en valor o feito de que a comunidade galega é a segunda con menor taxa de letalidade de todo o territorio español cun 6.67%, tan só por detrás de Canarias (6.49%).

Durante a súa intervención, Almuiña repasou os derradeiros datos que deixa a pandemia da covid-19 en Galicia, explicando que o número total de afectados acumulado é de 11.314, que na actualidade hai 677 casos activos e en seguimento no seu domicilio, 27 persoas en unidades de hospitalización, e 3 pacientes que permanecen nas UCI dos complexos hospitalarios de Santiago, Lugo e Vigo (Povisa).

Respecto das probas diagnósticas, sinalou que en Galicia até de agora lévanse realizadas no un total de 319.109 probas, das que 144.226 foron PCR e 174.883 test serolóxicos. Neste senso, apuntou o comezo inminente de diferentes programas de cribados de poboacións vulnerables, como poden ser os mariñeiros ou as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado

Así mesmo, apostilou Almuiña, a documentación trasladada polo departamento sanitario galego ao Ministerio reitera a solicitude de rematar coas limitacións de mobilidade existentes entre as catro provincias galegas.

Pola súa banda, o director xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal, puxo o foco no bo funcionamento da rede de Vixilancia de Atención Primaria, expoñendo que xa se levan identificado, até hoxe, 2.040 casos sospeitosos de covid-19 e que, tras realizárllelas probas aos pacientes que presentaban a devandita sintomatoloxía, un total de 8 persoas deron positivo.

Xunto con isto, Aboal tamén destacou o traballo da plataforma de seguimento das persoas que tiveron contacto cunha persoa covid positivo, apuntando que nestes intres, 176 persoas están en seguimento.

O director Xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, incidiu na capacidade de resposta que mantén o sistema sanitario galego á hora de realizar PCR, destacando a novidosa técnica do Pooling que se está a empregar en Galicia, a incorporación de dous robots nos centros hospitalarios de Santiago e a Coruña, cos que se poderán procesar até 2400 probas ao día por centro, e os bos resultados que se están a desprender da aplicación do plasma hiperinmune en paciente covid-19, e da que xa se beneficiaron seis persoas.

Por último, Aboal comunicou que se está a reactivar a actividade asistencial do Servizo Galego de Saúde e que paseniñamente se retomara a actividade quirúrxica habitual.

Finalmente, o subdirector de Información sobre Saúde e Epidemioloxía, Xurxo Hervada, subliñou o carácter descendente que segue a amosar a curva de contaxios en Galicia. En concreto, durante os últimos 3 días un total de 306 concellos galegos non rexistraron casos de transmisión comunitaria; durante os últimos 7 días foron 277 concellos sen transmisión comunitaria; nos últimos 14 días a cifra de 273 concellos e, finalmente, durante os últimos 28 días, un total de 229 concellos, non tiveron casos de transmisión comunitaria.

Imaxes relacionadas