A Xunta inicia as obras de mellora da mobilidade e seguridade viaria na Avenida de Anllóns, en Ponteceso

Os traballos, adxudicados por importe de case 50.000 euros, contan cun prazo de execución de tres meses

Actuarase nos paseos peonís e beiravías da AC-423, nunha zona da vila cun elevado número de viandantes e na que se atopa o colexio público Eduardo Pondal

Ampliarase a plataforma cun muro de formigón, completaranse as beirarrúas e beiravías e mellorarase o firme

Tamén se reparará a senda de madeira existente e a súa varanda

Santiago de Compostela, 2 de xuño de 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de iniciar as obras de mellora da mobilidade e seguridade viaria na Avenida de Anllóns, nun treito da estrada autonómica AC-423, ao seu paso polo concello de Ponteceso.
Trátase da mellora de paseos peonís e beiravías nas marxes desta estrada, entre os puntos quilométricos 13+690 e 14+140, para o seu uso peonil. Na actualidade, a estrada carece en parte do tramo de beiravía e beirarrúas ou estas presentan un estado deficiente.
Esta intervención está a ser executada pola empresa Canarga, S.L., cun investimento de case 50.000 euros, e conta cun prazo de execución duns tres meses.
As obras teñen como obxectivo mellorar a seguridade viaria na contorna, tanto dos vehículos como dos usuarios vulnerables, peóns e ciclistas, nunha zona cun elevado número de viandantes e onde se atopa o colexio público Eduardo Pondal.
Os traballos proxectados inclúen a ampliación da plataforma cun muro de formigón, completar as beirarrúas e beiravías, mellorar o firme e a reposición de servizos e marcas da vía.
Na actuación tamén se prevé a reparación da senda de madeira existente e a súa varanda.

Imaxes relacionadas