Un total de 13 empresas presentan as súas ofertas para executar as obras da potabilizadora de Betanzos

As actuacións, licitadas por 1,2 millóns de euros, teñen como obxectivo poder garantir o vindeiro ano un axeitado abastecemento de auga en todo o municipio

As obras teñen un prazo de execución de 9 meses e a previsión da Xunta é inicialas este mesmo ano

Os traballos permitirán a ampliación da capacidade da potabilizadora e a mellora dos sistemas de tratamento, así como a modernización da súa xestión

Santiago de Compostela, 1 de xuño de 2020

Un total de 13 empresas veñen de presentar as súas ofertas para executar as obras de ampliación e mellora da estación potabilizadora de Betanzos.
Estas actuacións, licitadas por 1,2 millóns de euros, teñen como obxectivo que o vindeiro ano se poida garantir un axeitado abastecemento de auga en todo o municipio.
As obras teñen un prazo de execución de 9 meses e a previsión de Augas de Galicia é inicialas este mesmo ano.
Os traballos licitados consisten, tanto na ampliación da capacidade da planta, como na optimización dos sistemas de tratamento, que incorporarán un pretratamento físico e químico.
A actuación tamén inclúe a modernización da xestión, ademais da urbanización da parcela na que se sitúan estas instalacións hidráulicas.
Esta intervención solucionará as carencias da actual infraestrutura, que está funcionando ao límite da súa capacidade e presenta deficiencias de funcionamento que causan episodios de turbidez reiterados, xerando molestias e preocupacións aos veciños.
O proxecto está enmarcado na liña de apoio técnico e financeiro que a Xunta lle vén prestando aos concellos para que poidan prestar de modo eficiente as súas competencias de saneamento e abastecemento.