A Xunta remata as obras de paso sobre o río Vao, en Coristanco, que facilitan o acceso ás fincas nun camiño de servizo da autovía da Costa da Morte

Actuouse no camiño de servizo da marxe dereita da autovía o que permite o aforro nas distancias percorridas para acceso ás fincas, ás que ata o de agora só podían por un lugar distinto de cada marxe do río

Santiago de Compostela, 1 de xuño de 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de rematar as obras de paso sobre o río Vao, en Coristanco, o que facilita o acceso ás fincas nun camiño de servizo da autovía da Costa da Morte.


Esta intervención, cun investimento autonómico duns 35.000 euros, atendeu á solicitude do Concello de Coristanco para habilitar o cruce dun curso de auga no camiño de servizo da marxe dereita da autovía, no seu punto quilométrico 40+070.

O camiño de servizo daba acceso a todas as fincas, pero ata o de agora non había posibilidade de cruzar o rego, debéndose acceder ás propiedades de cada marxe do río por un lugar distinto. Coa execución desta obra de paso permítese un aforro nas distancias percorridas para o acceso ás fincas.

Os traballos consistiron na disposición de tres marcos de 2x1 metros de sección rectangular, colocados en paralelo, un a carón do outro. Esta sección adaptouse ao ancho da canle existente, de 6 metros, permitindo desaugar á avenida ordinaria.

A actuación desenvolveuse en terreos de titularidade da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, polo que non se fixo necesario realizar expropiacións.
 

Imaxes relacionadas