Un total de dezanove empresas presentan as súas ofertas para a execución dunha nova cuneta na autovía AG-64, no concello das Pontes

A intervención, licitada por máis de 583.000 euros, ten un prazo de execución de 6 meses e comezará no verán

As obras desenvolveranse entre os puntos quilométricos 35+300 e 36+700 e consistirán na construción dunha cuneta nova para reforzar a seguridade viaria

A actuación tamén resolverá os problemas actuais das augas de escorrentía procedentes dos noiros e da mediana
 

Santiago de Compostela, 31 de maio de 2020

Un total de dezanove empresas veñen de presentar as súas ofertas para acometer as obras de execución dunha nova cuneta na autovía Ferrol-Vilalba (AG-64), ao seu paso polo concello das Pontes, que foron licitadas por máis de 583.000 euros.

Esta intervención terán un prazo de execución de 6 meses e o obxectivo da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade é comezala este verán.

As actuacións, que se desenvolverán no treito comprendido entre os puntos quilométricos 35+300 e 36+700 da autovía, consistirán na substitución da cuneta actual por outra nova co fin de mellorar o entorno, a situación ambiental e a seguridade viaria.

Este proxecto tamén resolverá os problemas actuais coas augas de escorrentía procedentes dos noiros e da mediana.

Ademais renovaranse as marcas viarias e repoñerase a sinalización vertical nos treitos nos que se vexan afectadas polas actuacións.