A Xunta reactiva a licitación dos 29 contratos do Plan de transporte público tras desestimar o tribunal os tres recursos presentados

O Tribunal Administrativo de Contratación Pública resolveu no día de hoxe desestimar os recursos interpostos por varias empresas e acordou levantar as suspensións que pesaban sobre o procedemento de contratación

Os interesados dispoñen de prazo ata o 4 de xuño para presentar as súas ofertas

Estes contratos supoñen un investimento da Xunta de 240 millóns de euros e permitirán garantir o emprego e servizos de transporte de calidade na vindeira década

Conteñen 1.300 liñas de autobús, das cales 741 serán de transporte compartido e 639 inclúen servizos baixo demanda
 

Santiago de Compostela, 29 de maio de 2020

A Xunta vén de reactivar a licitación de 29 contratos de transporte público, logo de que o Tribunal Administrativo de Contratación Pública da Comunidade Autónoma de Galicia (TACGAL) desestimase os tres recursos interpostos por varias empresas.


O TACGAL resolveu no día de hoxe desestimar os recursos interpostos por empresas de transporte de viaxeiros contra os pregos de contratación da Dirección Xeral de Mobilidade, ao tempo que acordou levantar as suspensións sobre o procedemento de licitación acordadas no seu día.
O Tribunal acolle integramente as argumentacións da Administración autonómica e determina a legalidade e conformidade dos pregos e proxectos que rexeron a licitación destes 29 contratos de transporte, avalando a actuación da Xunta na implantación do Plan de Transporte Público de Galicia.


A resolución do TACGAL permite reactivar a contratación dos 29 contratos que faltan para completar a renovación e modernización dos servizos de autobús interurbano que operarán en Galicia na vindeira década. As empresas interesadas teñen agora de prazo ata o vindeiro 4 de xuño para presentar as súas ofertas.


Os 29 contratos dos que hoxe se reactiva a licitación suman un total de 1.300 liñas de autobús, das cales 741 serán de transporte compartido e 639 inclúen servizos baixo demanda. Os novos contratos, cun investimento autonómico de 240 millóns de euros, achegarán garantías de emprego a preto de 870 condutores e case 400 acompañantes.