O próximo luns comeza a segunda fase de reincorporación do persoal empregado público ao traballo presencial

A primeira fase concluíu con normalidade, coa incorporación dos xefes de servizo ou postos asimilados e as persoas que non poden teletraballar, sempre que o seu posto cumprise coas garantías sanitarias

O luns reincorporarase todo aquel persoal empregado público que non se incorporara na primeira fase e teña espazo propio ou un lugar de traballo no que se cumpren as medidas de seguridade

A terceira fase comezará o 15 de xuño e rematará coa incorporación do resto de persoal, logo de ter realizado os axustes necesarios nos postos de traballo

Santiago de Compostela, 29 de maio de 2020

O próximo luns comezará a segunda fase de reincorporación do persoal empregado público da Xunta ao traballo presencial. Continúase así coa aplicación do Protocolo de reincorporación, que foi ratificado por todos os sindicatos con representación na Mesa Xeral. Cómpre lembrar que este Protocolo se refire ao persoal da Xunta, sen incluír ao persoal sanitario e sociosanitario; docente e non docente dos centros de ensino; e ao servizo da Administración de Xustiza.

A primeira fase concluíu con normalidade, coa incorporación desde o 18 de xuño dos xefes de servizo ou postos asimilados e das persoas que non podían teletraballar e tiña o seu posto adaptado ás recomendacións sanitarias e á distancia de seguridade de dous metros. Agora incorporarase todo aquel persoal empregado público que non o fixera na primeira fase e que conte con espazo propio ou un lugar de trabalo no que se cumpren os dous metros de separación.

A terceira fase botará a andar o próximo 15 de xuño, coa reincorporación do resto de persoal logo de terse acometido os axustes necesarios nos seus postos de traballo para que se cumpran todas as garantías sanitarias.

O Protocolo inclúe medidas especial de protección para aquel persoal que presente algún tipo de enfermidade ou afección que implique a súa consideración como grupo vulnerable e que serán os últimos en incorporarse. A determinación dos grupos vulnerables e a gradación de risco dos postos de traballo realízase de acordo ao establecido polo Ministerio de Sanidade, que fixa como grupos vulnerables ás persoas con enfermidade cardiovascular/HTA, diabetes, enfermidade pulmonar crónica, inmunodeficiencia, cáncer en tratamento activo, maiores de 60 anos e embarazo.

Tamén hai excepcións para facilitar a conciliación. Polo tanto, poderá seguir prestando o seu traballo en réxime de teletraballo o persoal que teña ao seu cargo menores ou maiores dependentes e se vexa afectado, de ser o caso, polo peche de centros educativos ou de maiores, e non sexa compatible a súa situación persoal con medidas especiais de flexibilidade da xornada laboral. Este réxime especial de teletraballo só se poderá conceder a un traballador para o caso en que houbese dous ou máis empregados públicos convivintes en que se dea a mesma circunstancia. Esta mesma previsión seralles de aplicación ás empregadas públicas embarazadas.

Imaxes relacionadas