A Xunta activará unha aceleradora de innovación específica para proxectos que acheguen solucións fronte á covid-19

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, sinalou esta tarde nun webinario sobre apoios á innovación para pemes que a aceleradora servirá para consolidar novas iniciativas empresariais neste eido

A Xunta está a apoiar con 750.000 euros oito proxectos innovadores que permitirán desenvolver cabinas esterilizadoras e respiradores autónomos, o deseño dunha cartografía da enfermidade, ou utilizar o uso de drons para tarefas de desinfección

Santiago de Compostela, 28 de maio de 2020

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, informou esta tarde, durante un encontro telemático sobre os apoios a proxectos innovadores para pemes, que a Xunta vai activar unha aceleradora de innovación específica para iniciativas que acheguen solucións fronte á covid-19. A finalidade é intensificar a transferencia ao mercado de solucións innovadoras para dar resposta á demanda social e industrial, servindo de apoio para consolidar novos proxectos empresariais neste eido.

Na súa intervención, o conselleiro sinalou que na innovación está un gran aliado para facerlle fronte aos novos retos do actual contexto económico, e agradeceu o esforzo que está a facer neste ámbito o ecosistema galego de innovación.

O responsable de Economía, Emprego e Industria lembrou que unha das primeiras accións estratéxicas de apoio á I+D+i do Goberno galego foi a de lanzar unha convocatoria para identificar as capacidades de resposta urxente do ecosistema galego de innovación fronte á pandemia. A esta chamada presentáronse 160 propostas, das que se seleccionaron oito que xa se van materializar cun apoio da Xunta de 750.000 euros.

Trátase de seis iniciativas de pemes galegas e dúas do ámbito académico (universidades de Santiago de Compostela e Vigo), que permitirán desenvolver, entre outros proxectos, cabinas esterilizadoras e respiradores autónomos, o deseño dunha cartografía da enfermidade, ou utilizar o uso de drons para tarefas de desinfección.

Imaxes relacionadas