Sanidad accede a modificar, como lle solicitara a Xunta, a orde que calculaba o aforo das praias a partir dos seis metros da preamar

Almuiña solicitou que os estudantes universitarios poidan desprazarse entre provincias para recoller as súas pertenzas

O conselleiro de Sanidade volveu reclamar ao Ministerio a mobilidade interprovincial

Santiago de Compostela, 28 de maio de 2020

No día de onte tivo lugar unha nova xuntanza bilateral telemática entre a Consellería de Sanidade e o Ministerio para tratar diversos asuntos relacionados coa crise sanitaria da covid-19, na que o conselleiro plantexou de novo medidas para flexibilizar as fases da desescalada.

Na xuntanza, os responsables do Ministerio de Sanidad confirmaron ao departamento que dirixe Jesús Vázquez Almuiña que o Goberno modificou a orde sobre o uso das praias ao suprimir a referencia aos seis metros a contar desde a beiramar en preamar, polo que o aforo calcularase considerando que a superficie da praia a ocupar por cada bañista sexa de aproximadamente catro metros cadrados. Tal e como reclamara o conselleiro, o cálculo anterior impediría o uso de moitos dos areais galegos.

Outra das peticións realizadas polo conselleiro Almuiña é permitir aos estudantes universitarios que se poidan desprazar entre provincias para recoller as pertenzas que deixaron nos seus lugares de estudo, coa entrada en vigor do estado de alarma.

O Ministerio tamén accedeu a que en Galicia se poidan retomar as actividades de tanatoestética en cadáveres de persoas que non faleceran por covid.

Mobilidade

Xunto cos asuntos anteriormente sinalados, o responsable da sanidade pública galega volveu reiterar na xuntanza a petición da Xunta para que se facilite a mobilidade interprovincial en concellos limítrofes. Almuiña plantexou de novo varias alternativas, en concreto, para que se permitan as visitas entre familiares de ata segundo grao que vivan en provincias distintas e dentro da Comunidade Autónoma, así como de permitir o desprazamento a outra provincia cando a súa finalidade sexa visitar a un familiar usuario de centros residenciais.

Igualmente, Almuiña reiterou a petición de que se acceda á mobilidade interprovincial para realizar visitas tuteladas ou supervisadas aos nenos ou adolescentes dos centros de protección e reforma ou para o uso dos Puntos de Encontro Familiar; e respecto das viaxes a segundas residencias, que estean permitidas aínda que estean en diferentes provincias, sempre que se pernocte nas mesmas.

Imaxes relacionadas